O Concello de Lobios comeza a restauración do Foxo do Lobo de Guende

Restauración coto do lobo-Lobios1
O Concello de Lobios comeza a restauración do Foxo do Lobo de Guende

O foxo de Guende, é unha magnífica obra de fábrica medieval, ideada polo home para cazar ao lobo

Situado no corazón da serra do Xurés, o foxo de Guende, é unha magnífica obra de fábrica medieval, ideada polo home para cazar ao lobo. Trátase dunha trampa de cabrita, de paredes de máis de dous metros de alto que pechan un recinto circular, onde o lobo era engañado por medio dun cebo vivo situado no interior das paredes.

A súa posta en valor, será pioneira en Galicia, ao tratarse da primeira actuación no país sobre un foxo de cabrita, de gran valor patrimonial e histórico. A inciativa do concello de Lobios, amosa o seu interés pola recuperación do patrimonio histórico e a súa sensibilidade co patrimonio á hora de conservar e recuperar este formidable vestixio da historia medieval de Galicia.

O foxo de Guende só é unha pequena mostra da inxente cantidade de Patimonio Cultural e arqueolóxico que atesoura a serra do Xurés. A iniciativa de poñelo en valor, responde á necesidade de atraer turísmo ao concello que reverta nunha sustancial mellora da economía local e poida servir para seguir mellorando a súa oferta turístico-cultural.

A obra promovida polo Concello de Lobios que será executada en 33.000 €, foi autorizada pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, conta cunha axuda dos fondos AGADER, e co permiso de acceso aos terreos da Comunidade de Montes de Guende. Á súa vez, conta coa dirección técnica dos arqueólogos Celso Hugo Barba e David Pérez López, e coa asesoría científica do escultor Toño Monteiro.

Os traballos estánse a desenvolver e preténdese que estean rematados a finais de xullo, para que o foxo estea visitable xa na campaña de verán. A actuación centrarase na realización das tarefas de desbroces, preparación do camiño medieval de acceso, restauración do foxo e sinalética e posta en valor con paneis explicativos. Como innovación estética, colocaranse ao longo do camiño, siluetas de lobo en aceiro corten a tamaño natural, deseñadas polo esculto Toño Monteiro, que guiaran aos turistas ata o foxo do lobo.