O Concello de Lobios contará coa axuda da Deputación para mellorar as infraestruturas termais, deportivas e de comunicación

Reunión Manuel Baltar (Presidente da Deputación Ourense) con Maria del Carmen Yáñez Salgado (Alcaldesa do concello de Lobios).
O Concello de Lobios contará coa axuda da Deputación para mellorar as infraestruturas termais, deportivas e de comunicación

A rexedora agradeceu o apoio do presidente aos asuntos tratados, que “son a día de hoxe os máis importantes para un concello eminentemente turístico, onde apostamos con firmeza por uns servizos de calidade para o visitante”

Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, recibiu onte pola mañá no Pazo Provincial á alcaldesa de Lobios, María del Carmen Yáñez, coa que repasou as liñas de traballo que van marcar a colaboración entre as administracións provincial e municipal e que estarán centradas na mellora de infraestruturas nos ámbitos termal, deportivo e de comunicacións.

Yánez, agradeceu o apoio do presidente do goberno provincial. Ela manifestou que os asuntos tratados na reunión “son a día de hoxe os máis importantes para un concello eminentemente turístico onde apostamos con firmeza por uns servizos de calidade para o visitante”. Subliñou neste sentido o capítulo termal “en tanto queremos ofrecer as mellores dotacións na área de Riocaldo”. Neste sentido concretouse a axuda da Deputación para mellorar as instalacións na zona de baño deste enclave, “de modo que o visitante poda gozar dun espazo ao aire libre coas augas termais máis quentes de toda a península”.

Reunión Manuel Baltar (Presidente da Deputación Ourense) con Maria del Carmen Yáñez Salgado (Alcaldesa do concello de Lobios).

Falando de deporte, a colaboración entre Deputación e Concello permitirá dotar de herba artificial ao campo de fútbol, co obxectivo que contar cunhas instalacións perfectamente acondicionadas para o equipo local, a Unión Deportiva Lobios, e "tamén que podan servir de atractivo a outros equipos que escollan o noso concello para facer as súas pre-tempadas”, puntualizou a alcaldesa.

Nesta reunión tamén se tratou a mellora e humanización dos núcleos de poboación. Nestas actuacións primará a conservación dos elementos tradicionais da arquitectura local. En materia de comunicacións abordouse o remate da estrada provincial OU-1212, na parroquia de Grou, nun tramo de gran complexidade e no que as obras estaban paralizadas á espera dunhas expropiacións.