O Concello de Lobios recibirá unha axuda de 30.000 euros da Deputación

Montserrat Lama 2
O Concello de Lobios recibirá unha axuda de 30.000 euros da Deputación

para rematar o acondicionamento do Foxo do Lobo en Guende.

A Xunta de Goberno aprobou un total de 136.758 euros en axudas a asociacións e concellos da provincia de Ourense, para actividades de índole cultural, deportiva e de infraestruturas. En concreto no apartado de cooperación con entidades, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda para a Asociación Cultural e Xuvenil Banda de Gaitas do Concello de Verea que ascende a 15.900 euros destinada aos gastos de desprazamentos a Strakonice 2016 e para gastos de material. Por outra banda, aprobou unha axuda de 7.308 euros para a Asociación Ourensana de Xadrez para a escola deportiva do ano 2017.

No relativo á cooperación cos concellos da provincia de Ourense, aprobouse unha axuda para o Concello do Bolo para a súa banda de gaitas por importe de 7.000 euros. Para o Concello de Calvos de Randín aprobouse unha axuda de 59.380 euros destinada ás obras de explanación en terreos de propiedade municipal para a dotación de solo industrial, mentres que para o Concello da Gudiña, aprobou unha achega de 8.670 euros para o cofinanciamento das obras realizadas na pista de Pentes.

Asemade, e Concello de Irixo percibirá dúas axudas, unha delas, en materia deportiva, por importe de 5.000 euros para o desenvolvemento do Campionato de España e Campionato Galego de Cross Country 2017; e outra axuda de 3.500 euros para a celebración da Festa do Cabalo do Irixo 2017. Por último, para o Concello de Lobios aprobouse unha axuda de 30.000 euros para rematar o acondicionamento do Foxo do Lobo en Guende.