Continúa o operativo de rescate dun mozo en Lobios

casacada da corga da fecha
Continúa o operativo de rescate dun mozo en Lobios

Segundo comunica o 112 Galicia,segue en marca o dispositivo para rescatar a un mozo portugués desaparecido onte cando practicaba barranquismo no concello de Lobios. Desde primeira hora desta mañá varios efectivos traballan na contorna do río Fecha , na parroquia de Río Caldo, para tentar localizalo. As características da zona están a complicar o acceso ao momento exacto onde os seus compañeiros aseguran que se atopa atrapado, nunha greta debaixo dunha fervenza.

A esta hora varios membros do GES de Lobios e de Protección Civil tentan achegarse por terra ao lugar no que podería estar o mozo. Segundo indicaron eses efectivos ao 112 Galicia, o acceso a pé a esa zona do río é case imposible, polos pronunciados desniveis e os fortes remolinos de auga. No operativo tamén está a participar un grupo de rescate de montaña da Garda Civil. Ademais, un helicóptero da Garda Civil sobrevoa a zona buscando algún indicio.

Está previsto que, se as condicións así o permiten, os axentes da Garda Civil accedan ao momento desde o aire. Aínda así, non se descarta que unha vez localizado o mozo teña que intervir tamén o helicóptero Pesca 1. Así as cousas, nestes momentos están a trasladarse a Lobios dous psicólogos do GIPCE, o Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias, para atender aos seus compañeiros e familiares