O parque do Xurés ante o cambio climatico

Parque Natural Baixa Limia - Serra do Xurés. | FOTO: Arquivo.
O parque do Xurés ante o cambio climatico

A XUNTA CULMINA CATRO ANOS DE TRABALLO NO MARCO DO PROXECTO EUROPEO SHELTER PARA MELLORAR A RESILIENCIA DO PARQUE NATURAL DO XURÉS ANTE O CAMBIO CLIMÁTICO

A Xunta puxo fin a catro anos de traballo no marco do proxecto de investigación europeo H2020 SHELTER, cuxas accións a nivel local en Galicia se centraron no parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, cunha xornada en Lobios sobre a resiliencia climática neste espazo que serviu de peche aos traballos desenvolvidos na Comunidade galega desde 2019 e cuxos resultados a nivel local foron expostos ao longo do día por parte dos diferentes relatores.

EVENTO PECHE PROXECTO SHELTER
EVENTO PECHE PROXECTO SHELTER

No marco da xornada —que reuniu a máis de 40 asistentes e tivo unha moi boa acollida entre a veciñanza e as comunidades de montes do parque— contouse coa participación dos coordinadores europeos do proxecto, de varios alcaldes dos concellos do Xurés e persoal de distintos departamentos da Xunta de Galicia, un exemplo da colaboración e do traballo transversal necesarios para avanzar na loita contra o cambio climático e a protección do patrimonio natural, obxectivos fundamentais do proxecto Shelter.

Durante as distintas presentacións realizadas púxose en valor a grande variedade de flora e fauna que alberga o Xurés, con algunhas especies que non se atopan en ningún outro lugar do mundo, así como o importante acervo histórico e cultural desta zona.

Neste sentido, cómpre subliñar que o parque natural é un gran exemplo de como a natureza e a cultura poden convivir polo que resulta especialmente relevante protexelo fronte ao efectos do cambio climático, que aumenta a vulnerabilidade dos seus valores.

Nesta liña, a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, aproveitou a súa intervención durante a clausura do evento para facer fincapé na importancia de traballar na resiliencia dos espazos naturais, salientando algunhas das principais iniciativas na loita contra o cambio climático lideradas pola Xunta como a Alianza polo Clima, a futura Lei do clima autonómica, a selección de Galicia para participar na Misión de adaptación europea ou o SICLE-CO2.

A xornada finalizou cunha visita dos asistentes ao Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés onde se puideron ver algunhas das actuacións desenvolvidas para a protección do medio, así como coñecer elementos de gran valor do patrimonio cultural e natural deste espazo, rematando o evento cunha andaina pola Vía Romana.

Esta xornada xorde dentro do contexto do proxecto H2020 SHELTER, que se puxo en marcha no ano 2019 co obxectivo principal de minimizar a vulnerabilidade do patrimonio cultural e natural ante calquera tipo de ameaza relacionada co clima e os riscos naturais escollendo a tal fin lugares representativos dos principais desafíos climáticos e medioambientais aos que se enfronta Europa a modo de laboratorios abertos. Aínda que os resultados locais da iniciativa déronse a coñecer hoxe en Lobios, a nivel global o peche terá lugar nunhas xornadas internacionais que se celebrarán a finais de abril na sede de UNESCO (socio do proxecto) en Venecia.

Visitas divulgativas e implicación dos escolares da zona

O evento celebrado en Lobios puxo fin aos traballos desenvolvidos en Galicia dentro do Shelter e tamén ás xornadas de mellora da resiliencia climática que se desenvolveron ao longo do mes de marzo neste Parque Natural.

En concreto, entre o 10 e o 22 de marzo máis de 350 estudantes pertencentes a unha decena de centros educativos coñeceron o valor patrimonial e ambiental do Parque Natural Baixa Limia–Serra do Xurés. As visitas estiveron enmarcadas como unha actividade de divulgación ambiental e sensibilización fronte ao cambio climático nas que participaron en faladoiros sobre os valores naturais deste espazo natural protexido e se lles expuxo como o parque está a servir de laboratorio aberto sobre cambio climático e os riscos ambientais no marco do proxecto Shelter.

Por outra banda, a primeiros deste mes, comezaron as actuacións de mantemento e xestión da biomasa do Rebolar de Corvelle no concello de Bande, finalizadas a pasada semana. O obxectivo foi actuar dentro do parque natural mellorando a conservación e a resiliencia climática deste bosque galaico-portugués, composto por carballos e cerquiños e característico da rexión atlántica do noroeste peninsular.

Tanto as visitas dos centros educativos ao parque como as tarefas de mellora e recuperación dos hábitats sinalados enmárcanse no Plan de Acción desenvolvido baixo o paraugas do proxecto Shelter desde o ano 2019 e en cuxa elaboración participaron activamente as asociacións locais.