miércoles. 06.07.2022

O delegado territorial e a alcaldesa de Lobios supervisan as obras de reparación da drenaxe transversal

A ODT é un tubo metálico formado de aceiro e deteriorado pola corrosión de problemas de filtración de auga.

Gabriel Alén, o delegado territorial da Xunta en Ourense, supervisou esta mañá, acompañado da alcaldesa, María del Carmen Yáñez, as obras de reparación da drenaxe transversal na estrada OU-540 en Lobios, nas que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade inviste preto de 48.000 euros.

O delegado territorial explicou que se trata da reparación dunha obra de drenaxe transversal (ODT) existente na estrada autonómica  OU-540, no punto quilométrico 68+950, pois actualmente a ODT é un tubo metálico formado de aceiro, que nas inspeccións que se veñen realizando constatouse deteriorado pola corrosión de problemas de filtración de auga en momentos de avenida que poden acabar prexudicando á calzada.

Para reparar a obra buscouse unha solución eficaz e novidosa á vez que causase as menores afeccións á estrada. Así, repararase mediante  encamisado con manga continua autoportante, sen necesidade de apertura de gabia na calzada nin cortes de tráfico. Con este método créase unha tubaxe nova no interior da existente, sen xuntas, mediante a introdución dunha manga continua composta de fibra vidro con protección exterior de  poliéster reforzado.

A nova tubaxe adaptarase completamente á forma da tubaxe existente. Con anterioridade á introdución da manga realizáronse os traballos previos necesarios para ter unha boa superficie soporte, incluíndo a limpeza e desatasco de residuos do interior do tubo, a inspección do colector mediante equipo robotizado e o acondicionamento da nova superficie de apoio da manga.

Durante a realización dos traballos mantense o tráfico, coa correspondente sinalización de advertencia de obras nas marxes.

O delegado territorial lembrou tamén que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a realizar unha senda na estrada OU312 xunto o Río Caldo, preto do núcleo de Bubaces, entre os PK 6+540 a 6+900, cun investimento de 48.345.11 euros, estando previsto rematala este mes de xuño.

O obxectivo  desta actuación e mellorar a seguridade vial creando un itinerario peonil seguro  xa que o arcén  era escaso ou inexistente nalgún tramo. A senda será de formigón armado e coloreado e tamén melloraremos a drenaxe lonxitudinal da estrada mediante un colector  cos seus sumidoiros e reixas correspondentes.