Volve Puxedo coa súa tradicional Festa da Malla

67549540_2439477112764996_7834035779721494528_n
Volve Puxedo coa súa tradicional Festa da Malla
Poderanse degustar os produtos locais

Puxedo, no municipio de Lobios, abre este 14 de agosto a súa tradicional Festa da Malla, pero esta vez terá unha maior duración ao comezar ás 12:00 horas e non ás 16:00 como en anos anteriores. Unha xornada tan longa como esperada que partirá coa inauguración do Centro de Exposición de Produtos Locais no que haberá mel, castañas, embutidos, pan, aceite, viño, estrugas e cociña tradicional que se poderán degustar a partir das 16:30.

67549540_2439477112764996_7834035779721494528_nO pregón deste ano estará a cargo de Adrián Díaz, presentador de Larpeiros, que despois, xunto con Merchi Rodal, colaboradora do famoso programa de cociña, marabillarannos cun Show cooking (demostración culinaria) ás 17:00.

Os nenos e nenas tamén terán o seu momento e poderán desfrutar do ritmo enérxico de Cé Orquestra Pantasma que os animará a ''voar''. Un espectáculo que sen dúbida gustará a pequenos e maiores.

Ás 20:00 terá lugar a tradicional Malla do centeo na que os asistentes poderán coñecer as distintas técnicas da malla, dende a feita a man ate a feita con máquinas e posteriormente dará comezo a gran cea popular con produtos típicos.

Co estómago cheo a festa rematará con foliada para os máis festeiros que poderán bailar e cantar ate finalizar a noite.