A Xunta elimina o pediatra en cinco concellos ourensáns

bande
A Xunta elimina o pediatra en cinco concellos ourensáns

Segundo o PSdeG, moitos nenos e nenas vernase obrigados a percorrer ata 100 quilómetros para recibir atención sanitaria básica.

O PSdeG-PSOE apoia ós afectados e súmase á mobilización veciñal en contra da supresión dun servizo de pediatría que no verán é moi necesario e demandado polo aumento de poboación.

O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia o brutal recorte que o PP está a aplicar ós servizos sanitarios pediátricos da provincia de Ourense con peches, recortes e suspensións de todo tipo, nun ataque inaudito contra os dereitos dos nenos e nenas. A última tropelía do PP condena ós cativos do suroeste da provincia de Ourense a percorrer ata 100 quilómetros para recibir atención primaria pediátrica xa que o pediatra que prestaba consulta un día por semana en Bande foi fulminado. A partir de agora, as nais e pais de Lobios, Bande, Entrimo, Muíños e Lobeira terán que se desprazar, en moitos casos, por estradas en estado deplorable, ata Celanova para que un pediatra de atención primaria atenda ós seus fillos e fillas.

As nais e pais de Lobios, Bande, Entrimo, Muíños e Lobeira terán que se desprazar ata Celanova para que un pediatra de atención primaria atenda ós seus fillos e fillas.

Esta medida afonda no deficiente trato sanitario xeral que teñen que padecer os veciños e veciñas do suroeste de Ourense xa que, ata o de agora, só podían levar ós cativos ó médico unha vez por semana a Bande. Ademais dos recortes no servizo pediátrico en atención primaria que o PP está a implantar a lume por toda a provincia, o PSdeG-PSOE lembra que as intervencións programadas de cirurxía pediátrica no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense –que atende a 400.000 persoas de toda a provincia de Ourense e o sur de Lugo– levan paralizadas dende marzo o que provocou unha lista de espera de cirurxía pediátrica que xa afecta a 140 nenos e nenas. E a isto hai que sumar a carencia dun pediatra especialista na atención a recén nacidos no Hospital de Verín.

O portavoz socialista en Lobios, Juan Manuel Ferreira, afirma que "xa nos fixeron o mesmo o ano pasado durante meses".

As familias afectadas aseguran que non se fían das explicacións ofrecidas pola Xunta, nas que lles matizan que este tesoirazo, supostamente, só vai ser por dous meses. O portavoz socialista en Lobios, Juan Manuel Ferreira, afirma que "xa nos fixeron o mesmo o ano pasado durante meses e como non houbo a suficiente protesta, reinciden nesta supresión da atención pediátrica, cando todos sabemos que a súa verdadeira intención é acabar co servizo na súa totalidade e só están probando a ver canto aturamos".

A veciñanza está movilizada ante este novo ataque do PP e xa son un centenar de reclamacións as que se recolleron entre nais e pais da contorna, tanto en Entrimo coma en Lobios, e non se descartan máis accións neste sentido no resto de localidades. O PSdeG-PSOE está prestando o seu apoio a esta primeira medida consistente en presentar as queixas ante o Sergas, pero non desbotan o inicio doutras medidas de presión mais contundentes para que a voz da cidadanía sexa escoitada. Para os socialistas o problema dista moito de ser puntual e cren que vai causar graves inconvintes xa que, segundo recordan, os concellos da Baixa Limia énchense de familias emigrantes durante o estío e duplican a súa poboación, co cal aumenta a demanda de servizos sanitarios.

Os socialistas denuncian que o Partido Popular desenténdese totalmente do asunto e non move nin un dedo por defender as necesidades dos veciños e veciñas

Os socialistas denuncian que o Partido Popular desenténdese totalmente do asunto e non move nin un dedo por defender as necesidades dos veciños e veciñas ós que representan. "A pesares de ter a obriga de facelo, por exemplo, a alcaldesa de Lobios está totalmente despreocupada coa situación, ó igual que o seu colega de Bande, onde está o núcleo do problema" afirma Ferreira. "Ambos rexedores, do Partido Popular, claudican cos recortes que decide a Consellería de Sanidade e non se moven para impedir este agravio cara ós veciños duns núcleos abandonados á súa sorte", engade.

O portavoz socialista en Lobios asevera que "poden facer miles de declaracións institucionais a prol do medio rural e do asentamento da poboación mais as súas accións demostran exactamente o contrario". "A realidade é que o Partido Popular castiga a esta provincia e, concretamente, ós concellos do rural coa supresión dun servizo tras outro e agora incluso atacan á infancia\” denuncia Ferreira ó mesmo tempo que denuncia que \“non se pode pretender que os nosos concellos resulten atractivos para o turismo ou para familias novas senón podemos ofrecer nin un médico para os seus fillos".