Absolto o xefe de emerxencias de Muíños que fora investigado por un lume en Lobios

ges muiños
Absolto o xefe de emerxencias de Muíños que fora investigado por un lume en Lobios

A maxistrada do xulgado único de Primeira Instancia e Instrucción de Bande, Caterina González, decretou o sobresemento da causa aberta contra o xefe de emerxencias de Muíños. Julio Rivero foi investigado por presuntamente ser o causante dun lume que se rexistrou o 18 de xullo en Lobios. A Garda Civil citouno no cuartel por aquel entón e o aludido sempre negou os feitos.

Iniciouse así unha investigación na que se chamaron a declarar a varias testemuñas e tras comprobar os feitos, Julio Rivero queda libre de culpa. Así o recolle o auto de sobresemento no que se indica que "as testemuñas que se recollen no atestado foron chamados a declarar no xulgado e ningún de eles viu a Julio causar ningún incendio".

Segundo recolle o xornal Faro de Vigo, a maxistrada preguntoulles as testemuñas por que declararan que estaba obsesionado cos incendios, a preguntas da Garda Civil. Manifestaron que "Rivero vive para traballar e está moi implicado co seu posto de traballo no GES de Muíños".

Ante os feitos a instrutora establece que "non existen probas obxectivas no presente procedemento para poder imputar os feitos contemplados na denuncia ó investigado Julio Rivero". A maxistrada declarou o sobresemento provisional das actuacións aínda que a resolución non é firme e admite recurso de reforma e apelación.

Julio Rivero declarou a ese mismo xornal sentirse "contento de que se aclarase todo, tanto por min como polo concello de Muíños e todo o colectivo dos GES. Sempre confiei na xustiza".