Comezan as obras de sendas peonís en Muíños

Comezan as obras de sendas peonís en Muíños
Permitirán poñer á disposición dos veciños un total de 560 metros de novos itinerarios para que poidan realizar os seus desprazamentos a pé de xeito máis cómodo e seguro

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade comezou hoxe as obras de execución das sendas peonís en Vilar de Cas e Güimil, unha actuación que inclúe tamén a mellora da contorna do santuario de Couso de Salas, no concello de Muíños.

Esta actuación na estrada OU-302 suporá un investimento autonómico de case 200.000 euros, e permitirá poñer á disposición dos veciños un total de 560 metros de novos itinerarios para que poidan realizar os seus desprazamentos a pé de xeito máis cómodo e seguro. O obxectivo da Xunta é rematar as obras este mesmo ano, pois teñen un prazo de execución de seis meses.

Os traballos en Vilar de Cas consisten en habilitar 3 treitos de sendas pola marxe dereita da estrada, que suman 450 metros de lonxitude, incluíndo, tamén, a drenaxe para a condución das augas pluviais e da rede de sumidoiros.

Igualmente, actuarase na marxe dereita da OU-302 no lugar de Güimil, executando outros 100 metros de senda para facilitar os desprazamentos entre o centro sociocultural e as vivendas da zona.

Ademais, no marco destas obras, mellorarase a accesibilidade na contorna do santuario de Couso de Salas, coa reposición de beirarrúas e coa colocación dunha marquesiña na parada de autobús. A ese respecto, aínda que neste núcleo existen beirarrúas cun ancho aproximado de 1,5 metros, está proxectado mellorar a súa accesibilidade e reparar as baldosas e os bordos deteriorados, ademais de dotar de pavimento podotáctil as ramplas e os vaos dos pasos peonís.

Tamén se actuará no lugar de Souto de Limia, respondendo a unha necesidade detectada polos técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas, coa execución dun pequeno muro de contención e a reparación dunha cuneta deteriorada.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez mantén a súa aposta polos concellos do rural contribuíndo, con investimentos coma este, a mellorar os servizos aos veciños.

A Xunta financiará estas obras con fondos do eixe React-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á covid-19.