Coñecer a riqueza natural da provincia, obxectivo do Campamento da Ourensanía, “Explora Ourense 2017”

207
Coñecer a riqueza natural da provincia, obxectivo do Campamento da Ourensanía, “Explora Ourense 2017”

Esta iniciativa, organizada pola Deputación de Ourense, está dirixida a nenos de 9 a 14 anos e terá lugar do 1 ao 14 de agosto no complexo turístico do Corgo, en Muíños

Unha nova edición do Campamento da Ourensanía, \“Explora Ourense 2017\”, une, un ano máis, ocio e concienciación medioambiental para os máis novos e afonda no coñecemento da riqueza natural da provincia de Ourense. O campamento, organizado pola Deputación de Ourense coa colaboración de Sustinea e do Concello de Muíños, está dirixido a nenos da provincia de Ourense de 9 a 14 anos e terá lugar entre os días 1 e 14 de agosto no Complexo Turístico do Corgo, no municipio de Muíños. Abrangue un amplo programa de actividades didácticas, culturais e deportivas. A presentación desta iniciativa tivo lugar esta mañá no Centro Cultural \“Marcos Valcárcel\”, acto no que participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o alcalde de Muíños, Plácido Álvarez; e o representante de Sustinea, Paulo Vázquez.

Manuel Baltar destacou a relación deste campamento coa natureza \“cun entorno como é a Serra do Xurés que é un das xoias do noso patrimonio provincial\”, e sinalou a importancia de vencellar actividades que traballen a prol da \“concienciación medioambiental nos ourensáns máis novos e que poidan coñecer as nosas paisaxes e o noso territorio\”. Baltar dixo que o campamento da ourensanía \“pon en valor, non só a comarca da Baixa Limia senón toda a provincia, descubríndolle aos nenos os nosos estandartes: a natureza e o medio ambiente\”.

Paulo Vázquez explicou que a primeira quenda do campamento da ourensanía oferta 25 prazas para os nenos de idades comprendidas entre os 12 e 14 anos, durante a semana do 1 ao 7 de agosto e a segunda quenda con 25 prazas a cubrir por nenos de 9 a 11 anos será do día 8 ao 14 de agosto. A duración de cada quenda do campamento será de 7 días e o custo da inscrición de 88 euros, que inclúe aloxamento e pensión completa, seguros, monitores e educadoras, así como materiais para as actividades.

Este proxecto lúdico e educativo inclúe na súa programación actividades vencelladas co deporte e a natureza, como roteiros polo Parque Natural do Xurés, travesías náuticas, obradoiros, xogos, veladas, teatro e bivaque, entre outras. Paulo Vázquez explicou que unha vez máis \“as actividades continúan a dinámica dos últimos anos e redundan na inmersión na natureza\”.

Pola súa parte, o alcalde de Muíños agradeceu á Deputación de Ourense \“a súa aposta polo rural a través de iniciativas como esta, que dan a coñecer diferentes lugares da provincia de Ourense\”.

Os interesados en participar poderán inscribirse no Rexistro da Deputación de Ourense desde mañá xoves, 25 de maio, ata o 14 de xuño. Toda a información figura na web www.exploraourense.com. O sorteo das prazas realizarase nun acto aberto ao público o mércores, 21 de xuño, ás 11.00 horas, no salón de actos do Centro Cultural \“Marcos Valcárcel\” da Deputación, e poderase seguir tamén a través da web da Deputación de Ourense.