Novo investimento da Xunta en Muiños por importe de 200.000 €

Muiños Presentación das obras en Couso de Salas
Novo investimento da Xunta en Muiños por importe de 200.000 €

A conselleira enmarca estas actuación na aposta da Xunta polos concellos do rural de Galicia, excluídos polo Goberno de España dos investimentos con cargo aos fondos de reconstrución Next Generatio

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anunciou a licitación hoxe das obras das sendas peonís en Vilar de Cas e Güimil e da mellora da contorna do Santuario de Couso de Salas, no concello de Muíños, cun investimento da Xunta de case 200.000 euros.

Vázquez Mourelle visitou esta mañá Muíños para presentar as actuacións previstas na estrada autonómica OU-302 ao seu paso por este concello, onde avanzou que o obxectivo da Xunta é iniciar as obras a comezos da primavera para que poidan estar rematadas no vindeiro outono, pois teñen un prazo de execución de seis meses. Precisou que as empresas interesadas en realizar os traballos teñen ata o vindeiro día 7 de decembro para presentar as súas ofertas.

Lic Muiños A conselleira detallou que con estas obras en Vilar de Cas e en Muíños quere poñerse á disposición dos veciños un total de 560 metros de novos itinerarios que lles permitan desprazarse dun xeito máis cómodo e seguro. Ademais, a intervención na contorna do Santuario de Couso de Salas contribuirá a poñer en valor e reforzar o atractivo turístico dese monumento.

A actuación proxectada en Vilar de Cas suporá habilitar 3 treitos de sendas pola marxe dereita da estrada, que suman 450 metros de lonxitude, incluíndo, tamén, a drenaxe para a condución das augas pluviais e da rede de sumidoiros.

Igualmente, actuarase na marxe dereita da OU-302 no lugar de Güimil, executando outros 100 metros de senda para facilitar os desprazamentos entre o centro sociocultural e as vivendas da zona.

Ademais mellorarase a accesibilidade na contorna do Santuario de Couso de Salas, coa reposición de beirarrúas e coa colocación dunha marquesiña na parada de autobús. A ese respecto, Ethel Vázquez apuntou que, aínda que neste núcleo existen beirarrúas cun ancho aproximado de 1,5 metros, está previsto mellorar a súa accesibilidade e reparar as baldosas e os bordos deteriorados, ademais de dotar de pavimento podotáctil as ramplas e os vaos dos pasos peonís.

Tamén se actuará no lugar de Souto de Limia, respondendo a unha necesidade detectada polos técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas, coa execución dun pequeno muro de contención e a reparación dunha cuneta deteriorada.