O complexo do Corgo, en Muíños, acollerá a IV edición do campamento xuvenil “Music Camp”, organizado por La Casa de la Música e patrocinado pola Deputación de Ourense e o Concello de Muíños. A iniciativa, baseada nun programa de formación musical e de ocio, terá lugar entre o 25 e 31 de xullo.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, o alcalde de Muíños, Plácido Álvarez, e o director de La Casa de la Música, Fernando Calvo, repasaron os detalles do campamento deseñado para rapaces de entre 13 e 17 anos.
O alcalde de Muíños, Plácido Álvarez, resalta que celebrar a cuarta edición do campamento amosa a calidade e a consolidación deste proxecto: “Ver a Fernando Calvo, un integrante histórico de Los Suaves, pensar en Muíños para celebrar este campamento é un luxo. Sentímonos orgullosos e so podemos dicir que esperamos estar á altura e seguir construíndo Muíños e provincia”.
Formación musical e actividades de ocio
O campamento conta cun programa diario de tres horas de actividades musicais que inclúe clases de guitarra, canto, batería, piano, baile e ensaio de coreografía.
A programación tamén inclúe actividades náuticas coma kaiak e piragüismo, diferentes xogos e visitas aos xacementos arqueolóxicos da zona e os espazos termais. Pola noite, terán lugar distintas actividades de ocio nocturno que chegarán o seu fin o 31 de xullo coa celebración da festa de despedida, que contará cunha actuación a cargo dos participantes neste campamento
As prazas son limitadas e as inscricións a este campamento poden realizarse a través da web www.lacasadelamúsica.es