A XUNTA APOIA CON 405.000 EUROS AS OBRAS DE AMPLIACIÓN DA RESIDENCIA DE MAIORES ‘VIRXE DA CLAMADOIRA’ DE MUÍÑOS

residencia muiños
A XUNTA APOIA CON 405.000 EUROS AS OBRAS DE AMPLIACIÓN DA RESIDENCIA DE MAIORES ‘VIRXE DA CLAMADOIRA’ DE MUÍÑOS

Esta actuación foi financiada grazas ás achegas das Consellerías do Medio Rural e de Política Social

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou hoxe o concello de Muíños para comprobar as obras de ampliación, reforma e equipamento executadas na residencia de maiores ‘Virxe da Clamadoira’ grazas a unha achega de 405.000 euros do Goberno galego.

Na visita Díaz Mouteira acompañada do alcalde de Muíños, Plácido Álvarez Dobaño, supervisou os traballos realizados na planta baixa desta infraestrutura municipal xestionada pola Fundación San Rosendo que lle permitiron incrementar 20 prazas, pasando das 39 que tiña autorizadas a un total de 59 prazas para maiores e dependentes.

280219 residencfia muiños2

As obras realizadas na residencia de maiores da parroquia de Mugueimes, en Muíños, foron financiadas pola Xunta a través das Consellerías de Política Social e do Medio Rural.

Así, o departamento autonómico dirixido por Fabiola García apoiou esta actuación cunha achega de 205.000 euros. A delegada territorial subliñou o compromiso do Goberno galego coas persoas maiores, en especial con aquelas que teñen limitada a súa autonomía persoal. Así, durante a visita a estas instalacións Marisol Díaz reiterou que a Xunta seguirá traballando para que os galegos de máis idade gocen dunha atención da máxima calidade, alí onde o desexen.

Nesta liña, destacou que en soamente dous anos conseguiuse o obxectivo de lexislatura de chegar aos 60.000 dependentes atendidos, catro veces máis que hai unha década; que hoxe Galicia dispón de máis de 7900 prazas públicas de residencia, un 42% máis que en 2009; e máis de 3.300 en centros de día, o triplo que hai dez anos.

Ademais, apuntou tamén o reforzo de prestacións como o Servizo de Axuda no Fogar que dá apoio a máis de 23.000 galegos; do programa Xantar na Casa, que leva o menú diario a máis de 1300 maiores ou a posta en marcha das primeiras 30 Casas do Maior, das que 16 funcionarán en concellos da provincia ourensá.

Iniciativa do GDR10 Limia Arnoia

280219 residencia muiños1Así mesmo, este proxecto de ampliación tamén recibiu 200.000 euros grazas ás subvencións que a Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, destina aos GDR, ao abeiro do programa Leader. Muíños pertence ao grupo de desenvolvemento rural Limia Arnoia (GDR10) de Ourense que impulsa varias iniciativas que contribúen á dinamización do agro desta zona, entre elas o da súa residencia de maiores.

As obras de ampliación destas instalacións municipais, dixo a delegada territorial da Xunta, son un exemplo dos proxectos apoiados polos GDR, unhas iniciativas que contribúen a xerar riqueza e emprego, así como a mellorar as condicións de vida dos habitantes do rural. Trátase, en definitiva, de frear a despoboación rural aportando fondos cos que ofrecer alternativas económicas e creando novas zonas de desenvolvemento nesas rexións.