A presentación da XVIII edición da Festa do Esquecemento

ML 13 festa esquecemento
A presentación da XVIII edición da Festa do Esquecemento

Será o vindeiro fin de semana, do 17 ó 19 de agosto, e rematará co tradicional cruce do río

O municipio de Xinzo de Limia recreará o seu pasado castrexo e romano na celebración da XVIII edición da Festa do Esquecemento que, do 17 ao 19 de agosto, ofrecerá un completo programa de actividades. A presentación deste evento cultural tivo lugar hoxe no Centro Cultural "Marcos Valcárcel", acto no que participou a deputada provincial, Montserrat Lama; o alcalde e o concelleiro de Cultura e Festexos de Xinzo de Limia, Manuel Cabas e Carlos Gómez, respectivamente; e os representantes da Asociación Civitas Limicorum, Iván Prado e Carlos Enríquez.

A deputada provincial destacou o apoio do goberno provincial a este evento "cunha achega de preto de 15.000 euros para celebrar esta Festa que rememora a nosa historia e as nosas tradicións". Mentres que, Carlos Gómez lembrou que esta celebración é froito "dun esforzo colectivo, respaldado pola colaboración institucional, e co traballo da Asociación Civitas Limicorum, que nos agasallan con este evento co que celebramos a nosa historia a través dunha festa".

O programa de actividades previsto para este edición inclúe espectáculos circenses, teatro, mercado de artesanía, xogos para os máis cativos, desfiles, entre outras iniciativas que atraerán aos "preto de 15.000 turistas que habitualmente visitan o municipio ao longo destas tres xornadas festivas", sinalou Iván Prado, quen lembrou que esta celebración chega nesta edición "a súa maioría de idade e cada ano conseguimos mellorala, de feito, contamos con máis de 500 persoas traballando na construción das nosas casetas romanas e castrexas e, ademais, a afluencia de público cada vez é maior".

Durante a celebración, os veciños de Xinzo recuperan a identidade dos seus antepasados para vivir elementos fundamentais da súa cultura e recoñecer o seu legado. Neste senso, o alcalde de Xinzo lembrou que é unha festa non só para os da Limia, senón tamén "para todos aqueles turistas que veñan a compartir con nós esta celebración, que se consolida como unha gran festa cultural e social". Asemade, o concelleiro de Cultura e Festexos lembrou que a Festa do Esquecemento de Xinzo foi declarada no 2004, "Festa de Interese Turístico Local e a celebración de dita festa culmina cunha tradición nosa: o paso do río Lethes, o río do Esquecemento".