Abre o prazo para participar no concurso do cartel do Entroido 2017 de Xinzo

entroido
Abre o prazo para participar no concurso do cartel do Entroido 2017 de Xinzo

A poucos meses de que comece a festa máis importante da vila de Xinzo empezan xa os preparativos. O Concello abre o prazo para participar no concurso do cartel que será a imaxe representativa do Entroido 2017.

Poderán participar creadores e creadoras de Galicia, España e do estranxeiro e teñen como data límite o 18 de novembro para presentar os seus traballos no Concello de Xinzo, na Casa da Cultura ou envialos por correo.

Os carteles terán como única identificación un lema que se presentará escrito no exterior dun sobre pechado onde inclúen a obra. Abriranse unha vez que o xurado tome unha decisión.

O formato único será vertical con tamaño de 50 x 70cm e non existiren límites de tintas nin técnicas. Un dos requisitos que teñen que cumprir os creadores é que as obras levarán como único texto "Entroido 2017 de Xinzo de Limia do 4 de febreiro ó 5 de marzo". A maiores por debaixo deberán indicar "Entroido 24, 25, 26, 27 e 28 de febreiro. Festa declarada de interese turístico nacional". Outra modalidade que tamén aceptará o xurado será nomear tódolos días do festexo dende o petardazo que será o 4 de febreiro ata o domingo de piñata o 5 de marzo.

A temática é de libre elección e interpretación do autor "debendo reflectir o sentimento do Entroido de Xinzo en todas as súas facetas", segundo recollen as bases. Os carteles vanse expoñer na Casa da Cultura dende o 21 de novembro ata o 24 dese mesmo mes.

O xurado vai estar formado por seis membros da comisión do Entroido, catro asesores técnicos e logo o voto da cidadanía.

O premio consistirá na edición do cartel seleccionado e unha dotación económica de 500 euros.

As persoas que queiran participar no concurso poderán consultar a totalidade das bases poñéndose en contacto co Concello de Xinzo de Limia.