Ábrese a veda e esparéxese o veleno

Carmen García Nieto
Ábrese a veda e esparéxese o veleno
Onte inaugurábase a tempada de caza, e con ela chegaban as primeiras intoxicacións de mascotas MARÍA FERNÁNDEZ ROMERO As horas pasan lentas...

Onte inaugurábase a tempada de caza, e con ela chegaban as primeiras intoxicacións de mascotas

MARÍA FERNÁNDEZ ROMERO

As horas pasan lentas para Carmen, mentres agarda na clínica veterinaria noticias agradables da evolución da súa gatiña siamesa. Ela deixa que o facultativo faga o seu traballo, pero está completamente convencida do diagnóstico, envelenamento. Está segura de que tivo que ingresar á felina o venres pola noite, porque esta inxeriu algún produto sospeitoso dunha finca. Sábeo porque hai unha semana, Moura, a súa cadela “setter irlandés”, pasou polo mesmo. Moura faleceu, e agora Carmen está preocupada. Despois de catro horas que semellan séculos, o profesional confirma as sospeitas. A gata respondeu a un antídoto para raticidas.

Carmen García Nieto é veciña de Cortegada, no concello de Vilar de Barrio, e ten medo. Sofre polo destino que pode esperar ao resto dos seus animais. Teme que acaben como Moura, por iso non os deixar saír.

O veterinario recoñece que nesta época do ano, cando se abre a veda, os casos de envelenamento aumentan, ata convertérense en algo, "case habitual". E precisamente onte, a Xunta  inauguraba o período de caza do réxime especial do paspallás (codorniz), pombo torcaz e rula común, na área da antiga Lagoa da Antela. Este tempo de caza coñecido como Media Veda é único en Galicia, estará operativo ata o 15 de setembro, e afecta aos tecores de Rairiz de Veiga, Alto Limia, Xinzo de Limia, Xunqueira de Ambía, Sandiás, Trasmiras, Carreiro Ladrín, Porqueira e Vilar de Barrio.

A pesar de que os envelenamentos son, supostamente, unha práctica estendida na temporada de caza, e que están en teoría, destinados a facerlle mal aos cans que acompañan aos cazadores, estes non se atreven a denunciar, segundo nos contou este profesional, "por medo a que lles retiren os cotos".

Mentres, moitos amos como Carmen e moitas mascotas coma Moura e a gatiña, sofren as consecuencias dunha guerra que non vai con eles, pero da que se converten en danos colaterais. Cando se é vítima dunha agresión coma esta, débese dar parte as autoridades de maneira inmediata, e se é posible aportar unha mostra da substancia inxerida polo animal, así coma o informe elaborado polo veterinario, para facilitar as investigacións policiais.