A asociación limiá reuniuse con Manuel Baltar para intercambiar inquedanzas e volveu a casa con promesas
A asociación de empresarios, gandeiros e agricultores da Limia reuniuse o pasado luns co presidente da Deputación, Manuel Baltar co fin de intercambiar as inquedanzas e liñas de traballo que máis lle preocupan na actualidade, debido a súa relevancia e importancia para a comarca. O presidente do órgano provincial mostrouse decidido a colaborar con ADEGAL e prometeu poñer a disposición os medios cos que conta a Deputación para poder levar a cabo as melloras que persegue este colectivo.
Entre os temas para os que ADEGAL solicitou o compromiso e colaboración de Baltar e do organismo que este preside, destacan a creación dun punto para o acumulación de residuos agrícolas, gandeiros e empresariais así como a ampliación e modernización das infraestruturas necesarias para o regadío. Estas obras que foran declaradas de interese xeral en 2001 atenden a grande necesidade dos produtores limiaos de obter unha meirande cantidade de terras con auga á súa disposición.
A Limia, Zona de Actividade Agraria Prioritaria
Os representantes do sector primario na Limia solicitaron o apoio do líder provincial para que secunde a declaración da comarca como Zona de Actividade Agraria Prioritaria. Ademais, fixeron fincapé na necesidade de mellorar as pistas e viais que se viron notablemente afectados polas duras condicións climatolóxicas do pasado inverno.
Desde a Deputación Provincial adquiriron o compromiso de participar activamente para a consecución de todas estas melloras, e incluso o seu presidente ofreceuse a consensuar cos Concellos, agricultores e gandeiros os medios compartidos para poder levar a cabo estas actuacións, de gran interese para todos os colectivos.