ADEGAL pídelle axuda a Medio Rural tras os destrozos causados no cultivo da Limia pola choiva

limia
ADEGAL pídelle axuda a Medio Rural tras os destrozos causados no cultivo da Limia pola choiva

As perdas na colleita do cereal de ciclo longo alcanzan o 60%

A Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia solicítalle axuda á Xunta de Galicia ante os danos causados no agro por mor das intensas choivas.

O temporal de inverno estendeuse á primavera e a auga que caeu de maneira continua nestes días produciu grandes perdas económicas na comarca da Limia. Segundo informa ADEGAL, a porcentaxe de perda de colleita é do 60% para os cereais de ciclo longo, con parcelas anegadas na súa totalidade producindo como consecuencia a morte da planta.

Por outra banda, os cereais de ciclo curto e a pataca levan atraso na sementeira. Este feito conleva que os cultivos terán que afrontar as fortes temperaturas de verán e non poderán cumprir o ciclo correctamente. Segundo manteñen dende ADEGAL, isto vai provocar unha perda do rendemento das colleitas que pode rondar o 40%.

A estes acontecementos hai que sumarlle os destrozos causados nas infraestruturas da comarca que dan servizo ás parcelas. Os gandeiros e agricultores da zona sinalan que os canais e ríos arrastraron partículas en suspensión o que provocou o desvío dos caudais das augas ás beiras, inundando así as parcelas e cultivos presentes nelas.

Ante esta situación, ADEGAL solicitoulle a Medio Rural que responda con medidas económicas,tanto directas como fiscais como na Seguridade Social, para os produtores afectados polo temporal na Limia. Así mesmo consideran preciso que un técnico da consellería visite a zona para emitir un informe dos danos co fin de trasladalo ó Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.

Precisamente o rexedor de Xinzo de Limia, Antonio Pérez, mantivo un encontro co presidente da Xunta para solicitarlle o seu apoio e que a comarca sexa declarada como zona de emerxencia polo goberno español.