ADEGAL reuniuse co Conselleiro de Medio Rural

adegal 1
ADEGAL reuniuse co Conselleiro de Medio Rural

O conselleiro do Medio Rural reitera ante os empresarios da Limia a necesidade de apostar pola calidade e a innovación

O conselleiro do Medio Rural, José González, mantivo un encontro con representantes dos empresarios do polígono de Xinzo e da Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia, Adegal, para escoitar as súas demandas e explicarlles as últimas novidades do departamento das que se poden beneficiar.

O conselleiro destacou ante os empresarios da Limia a nova convocatoria de axudas para a transformación e comercialización de produtos agrarios que suporá un investimento de 26 millóns de euros deica o ano 2022. Neste senso, trasladoulles que poderán beneficiarse das achegas os empresarios que afronten a construción, adquisición ou mellora de bens inmobles, así como a compra de terreos. Tamén os que merquen maquinaria, equipamentos, programas informáticos ou patentes relacionadas cos procesos produtivos.

adegal2

Na xuntanza do titular do Medio Rural con empresarios do polígono de Xinzo de Limia e representantes de Adegal tamén se tratou a próxima convocatoria das axudas para a incorporación de mozos ao agro, concibidas para garantir a remuda xeracional e fixar poboación no rural galego.

Na reunión abordouse, así mesmo, a necesidade de seguir apostando pola calidade dos produtos como medio para diferenciarse no mercado e aportar valor engadido, e de cuestións como a futura Lei reguladora do sistema integrado para a xestión das dexeccións gandeiras de Galicia, na que xa está a traballar a Xunta.

Ademais, sobre a limpeza de canles, o conselleiro trasladoulle a este colectivo que se está elaborando un estudo para determinar as competencias sobre esta cuestión e que serán informados o antes posible. Con respecto á situación dos regadíos, o titular de Medio Rural lembrou que a Xunta está pendente de recibir as autorizacións dos veciños para poder dispoñer dos terreos necesarios e proceder á construción dos pozos de extracción da auga.