Os agricultores da Limia preocupados polas intensas choivas que están danando o cereal

limia
Os agricultores da Limia preocupados polas intensas choivas que están danando o cereal

As parcelas están asolagadas e o cultivo da pataca tamén se podería ver afectado

As intensas choivas que están a caer estes días pola Limia están danando o cereal. Os técnicos agrícolas advirten que por estas datas xa terían que ter sementado os cereais de primavera. A principal consecuencia no retraso da plantación do gran de ciclo curto vai repercutir nunha baixa produción.

Decenas de hectáreas están inundadas de auga e segue chovendo. No que vai de ano xa se acumulou máis auga na comarca que a que se recolleu duranto todo o ano pasado. Os expertos sinalan que cando veña o bo tempo a terra non vai ser capaz de absorver a auga e polo tanto, non será un bo ano para os agricultores da Limia.

O feito é que o cultivo da pataca tamén se está vendo afectado pois cos campos anegados non se pode preparar o terreo para sementar. Do mesmo xeito tampouco poden aplicar os tratamentos precisos para axudar ó crecemento das plantas.

A preocupación entre os agricultores medra ante o retraso da sementeira e vendo que por diante se presenta un mal ano no que á produción se refire. Entre tanto, a previsión meteorolóxica advirte de que as choivas continuaràn na zona a próxima semana.