O Xulgado do Penal 2 sentará ao rexedor popular na bancada dos acusados logo dunha denuncia do PSOE
REDACCIÓN
O alcalde de Rairiz de Veiga, o popular Xosé Xaquín Rodríguez Ambrosio sentará na bancada dos procesados do Xulgado do Penal 2, acusado dun suposto delito de prevaricación continuada. Este proceso que levará a declarar ao rexedor posiblemente o ano que ven, iniciouse ca denuncia do voceiro do PSOE no municipio, Eulogio Fernández.
O Xulgado de Instrución de Xinzo deu finalmente por rematada a tramitación penal por esta suposta falta de Rodríguez Ambrosio, despois de que a causa fose arquivada e reaberta de novo. Ministerio fiscal e Audiencia Provincial mostraron posturas encontradas neste asunto. Mentres o primeiro reclama o fin do proceso, a Audiencia ordenaba hai agora un ano que se continuase coa instrución pois detectaba indicios de criminalidade na conduta do imputado.
Segundo defendeu o Partido Socialista, formación que se presenta como acusación, o líder municipal de Rairiz tería ditado resolucións da alcaldía con coñecemento da súa ilegalidade, xa desde o ano 2007. Estas resolucións centraríanse nas áreas de contratos de obra e xestión de servizos públicos, e teríanse feito efectivas sen axustarse ao procedemento normativo establecido, e sen reparar nos numerosos informes de reparo e advertencias de ilegalidade formulados pola secretaria interventora.
A defensa pola súa parte recoñece algunha das irregularidades nomeadas pero asegura circunscríbense ao ámbito administrativo e non ao penal. Pois afirma que o defendido non tiña coñecemento obxectivo desas ilegalidades polo que sempre creu legalmente posibles tódolos procedementos que iniciou. Ademais o avogado de Rodríguez Ambrosio alega que as súas accións en ningún caso derivaron en prexuízos para o propio Concello ou para terceiros, e que o rexedor soamente buscaba a tutelaba o interese xeral do Municipio en cada caso.