Antonio Pérez imputado por un presunto delito de prevaricación

IMG_1503
Antonio Pérez imputado por un presunto delito de prevaricación
Despois de nove sentencias administrativas contra o Concello por contratacións irregulares, abriuse un proceso penal contra o alcalde de Xinzo...

Despois de nove sentencias administrativas contra o Concello por contratacións irregulares, abriuse un proceso penal contra o alcalde de Xinzo

REDACCIÓN

redac@dendealimia.com

“Eu non teño ningunha notificación de nada, co cal non teño nada que dicir”. Estas foron as palabras do alcalde de Xinzo cando este dixital lle preguntou acerca da información publicada hoxe mesmo por La Voz de Galicia. Una noticia na que Miguel Ascón avanzaba que o rexedor está imputado nun proceso penal por presunta prevaricación.

Logo da anulación por vía administrativa de ata nove contratos irregulares no Concello, os dous xuíces autores destas sentenzas pedían a apertura dun proceso pola vía penal ao advertir no comportamento de Antonio Pérez, indicios de prevaricación. Desta maneira, iniciábanse as dilixencias no xulgado de instrución de Xinzo, entre as que agora se engadiu a imputación de Pérez. Non hai nin un mes que a oposición lle solicitaba en pleno extraordinario a súa dimisión, á que o rexedor limiao respondía: “a miña situación xudicial é a mesma que a de todos vostedes, nin sequera estou imputado”.

Porén, o próximo 24 de marzo, Antonio Pérez deberá presentarse ante a xuíza para declarar coma imputado. A testemuña de Pérez chegará despois de que a maxistrada xa se entrevistase co ex secretario do municipio e a ex adxunta. Estes funcionarios que a súa vez teñen un cruce de denuncias co alcalde por coaccións e manipulación de datos, respectivamente, contáronlle á xuíza que eles avisaran ao rexedor de que os contratos que estaba realizando non eran legais. Unhas actuacións que Pérez nega e que seguramente sexa o que empregue para a súa defensa, que ás súas mans xamais chegaron os informes de reparo.