Antonio Pérez: “A miña situación xudicial é a mesma que a do resto de concelleiros desta corporación”

Os veciños abarrotaron o salón de plenos. DAL
Antonio Pérez: “A miña situación xudicial é a mesma que a do resto de concelleiros desta corporación”
A oposición pediu no pleno extraordinario celebrado hoxe en Xinzo a dimisión do alcalde, á que se negou MARÍA FERNÁNDEZ ROMERO maria@dendealimia.com...

A oposición pediu no pleno extraordinario celebrado hoxe en Xinzo a dimisión do alcalde, á que se negou

MARÍA FERNÁNDEZ ROMERO

maria@dendealimia.com

“É a primeira vez na historia da democracia que se lle esixe a dimisión a un político que nin sequera está imputado”, argumentaba no pleno extraordinario desta mañá Antonio Pérez. Era a súa resposta á oposición, que nun salón abarrotado, lle pedía que “tivera dignidade e marchara para a casa”. Pero non, esta asemblea non rematou coa dimisión do alcalde, pois segundo afirmou, a súa “situación xudicial é a mesma que a do resto de concelleiros da corporación”. O rexedor limiao defendeuse dos comentarios dos seus rivais políticos asegurando: “non estou imputado por ningún cargo, polo que se vostedes piden a miña dimisión eu pido tamén a súa”. A base da argumentación de Pérez estivo en que as sentenzas non está dirixidas a el, senón ao Concello de Xinzo. Unhas sentenzas que anularon catro contratos irregulares, e que eran a orde do día neste plenario solicitado pola oposición hai xa case dous meses.

O primeiro intento de celebrar este pleno extraordinario viuse frustrado cando o pasado 12 de decembro a oposición non se presentara no consistorio, alegando un “defecto de forma na convocatoria”. Un xesto que o voceiro do Partido Popular, Manuel López Casas, definiu hoxe na súa intervención como “escapismo político”. López Casas foi o primeiro en dar resposta ás preguntas da oposición que ademais das contratacións, tamén se interesaron pola situación co secretario, que abandonara o seu posto despois de ter elaborado informes negativos sobre os contratos, e de que se lle precintase o ordenador por parte da policía local. Porén, o edil limitouse a enumerar as obras realizadas durante o mandato do seu grupo de goberno e a “pedir respecto para o alcalde”, reprochándolle á oposición que “caeu no insulto e que traspasou as fronteiras da política para pasar ao terreo persoal”.

O discurso do portavoz non convenceu, e o representante do BNG lamentábase de “non escoitar as explicacións do alcalde e si as non explicacións do voceiro”. Pero a quenda do presidente do Concello de Xinzo chegaba despois. Nela, Pérez ademais de aclarar que non está “imputado e menos condenado” en ningún proceso xurídico, expuxo a súa versión sobre o sucedido co secretario da vila. Asegurou que este funcionario realizou os informes contrarios ás contratacións que foron declaradas ilegais polos xulgados un e dous do contencioso- administrativo de Ourense, despois de que a Fiscalía requirise toda a documentación en relación a este caso. Segundo Pérez, “para cubrirse as costas”. En canto ao precintado do ordenador, o alcalde preguntoulle a oposición se eles terían “tragado co marrón” de presentar como válida unha documentación que non o era. Antonio Pérez non marcha desta vez e asegurou que cando marche, “será pola porta de adiante e ca cabeza ben alta, porque nin matei a ninguén nin roubei nada”.