Unhas veciñas de Sandiás estaban camiñando pola zona da Lagoa de Antela cando se encontraron cun animal pouco común pola contorna. Unha tartaruga duns 40 centímetros de longo chamou a atención destas mulleres. Segundo recollen algúns medios de comunicación, o animal podería levar tempo rondando polo canal.
Trátase dunha tartaruga de auga de doce de orellas amarelas, un animal que habita na zona este de Estados Unidos e norte de México. Un exemplar que se adapta a case calquera medio acuático agás nos ríos de cauce rápido, de aí que o animal se acomodara no canal de Antela.
As primeiras hipóteses coas que se traballa son que o animal se escapou de algunha vivenda ou que o seu dono ou dona se quixo desfacer dela deixándoa solta pola zona da lagoa.
A Consellería de Medio Ambiente vixía de preto estas especies denominadas exóticas. A lexislación española prohibe a solta deste tipo de animais impoñendo penas e sancións.
Por outra banda o feito de que esta tartaruga vagase polo canal pon en perigo ó resto de especies protexidas pois é un depredador de moitos invertebrados e vertebrados que habitan a área.
O animal estivo uns días na casa das persoas que o atoparon que tras coidar del decidiron deixalo no mesmo lugar no que fora encontrado.