Arte do noso tempo con técnicas ancestrais

IMG_0070
Arte do noso tempo con técnicas ancestrais
Así traballa o escultor banduense de Adolfo Fernández Dafonte que desde o pasado xoves expón na Casa dos Poetas de...

Así traballa o escultor banduense de Adolfo Fernández Dafonte que desde o pasado xoves expón na Casa dos Poetas de Celanova

MARÍA FERNÁNDEZ ROMERO

maria@dendealimia.com

Twitter: @MariaFdezRomero

“Faime moita ilusión expoñer aquí, polo que esta Casa significa para a cultura galega”, recoñecía o escultor Adolfo Dafonte, e colaborador de Dende A Limia, o pasado xoves na presentación da súa exposición de cerámicas na Casa dos Poetas de Celanova. Dafonte é da Baixa Limia, polo que non moi lonxe de onde repousan hoxe as súas pezas ten este artista o seu centro de operacións. Pero Alfonso non é un escultor de cerámica calquera, a súa forma de traballar é tan especial que teríamos que viaxar a Amazonia ou ata o Perú para encontrar técnicas similares. Pois unicamente dous pobos que habitan estas terras, preservan o proceder prehistórico que Dafonte emprega para dar vida ás súas obras.

O forno no que se cocen as pezas de barro que se expoñen en Celanova, onde permanecerán ata o 30 de abril, é un burato na terra. O mesmo burato que hai miles de anos escarvaron os nosos devanceiros no Neolítico Cerámico despois de abandonar a vida nómade: “ás veces dámonos conta que involucionando descubrimos cousas moi interesantes”. Así o explicaba o escultor, a semana pasada na presentación dunha colección de obras que representan os oficios e tradicións de Galicia. “Unha pequena homenaxe aos que fixeron este país, a xente do rural”, contaba Dafonte flanqueado polos alcaldes de Celanova e Bande. Uns oficios e tradicións que representan a nosa orixe e que é importante recordar, xa que moitos deles xa están desaparecidos.

Excrementos de cabra e ovella triturados son o combustible que permite dar forma á afiadores ou pedreiros, e con esa cor tan característica que se consegue cando a peza coce durante 25 e 30 horas a 900 grados centígrados de temperatura.

Desde o pasado xoves e ata finais do mes próximo todo o que se achegue á Casa dos Poetas poderá desfrutar destas 36 pezas das 38 que compoñen a colección. Unha colección que non está en venta pois xa ten lexítima propietaria, a filla do escultor.