O asasino portugués que se deu a fuga foi visto en Xinzo segundo novas testemuñas

portuga
O asasino portugués que se deu a fuga foi visto en Xinzo segundo novas testemuñas

A Garda Civil de Xinzo de Limia mantense en alerta tras recibir avisos de novas testemuñas que sitúan a Pedro João Dias na vila este martes. Segundo estas persoas foi visto pola Avenida de Madrid en dirección á rúa Dous de Maio conducindo un BMW de cor negra e mesmo tería estado nalgúns negocios.

As alertas saltaron a media tarde cando comezou a circular unha nota entre os veciños e veciñas dando aviso de que o asasino máis buscado de Portugal fora visto en Xinzo. Nos días previos as testemuñas situaban a Pedro João Dias en Sandiás e no centro comercial Ponte Vella de Ourense.

O subdelegado do goberno provincial, Roberto Castro, destacou que a Garda Civil vai comprobar cada un dos avisos para certificar si son certos ou non e no caso de ser positivos recoller datos para lograr a súa detención. Castro sinala que traballan de maneira conxunta coas forzas de seguridade de Portugal, "é un home con coñecementos de supervivencia e non hai que descartar nada. É posible que se atope na provincia", apuntou.

Moitos medios de comunicación resaltan as dotes de Pedro João Dias para moverse por territorio montañoso e de difícil acceso, o que lle facilitaría escapar dos axentes.

Este piloto de 44 anos, é un dos homes máis buscados en Portugal tras asasinar a dúas persoas e ferir a outras tres en Aguiar de Beira. Os feitos aconteceron o pasado 10 de outubro cando axentes da GNR deron o alto a furgoneta na que viaxaba Pedro nun control rutinario. O home baixou do coche e disparou a un dos axentes provocándolle a morte e feriu ó seu compañeiro. Acto seguido púxose ó volante do vehículo da GNR e emprendeu a fuga. Máis adiante disparou a dous civís para roubarlles o coche.

A Garda Civil destaca que se trata dun home perigoso e piden que ante calquera dúbida de telo visto chamen ben ó 062, ó número do cuartel de Xinzo 988 46 23 61 ou ó de Ourense 988 23 53 53.