As asociacións en defensa dos Partidos Xudiciais da provincia reúnense en Ourense

As asociacións en defensa dos Partidos Xudiciais da provincia reúnense en Ourense

Xuntaranse ca fin de analizar a posibilidade de coordinarse e emprender accións conxuntas

REDACCIÓN

redac@dendealimia.com

Twitter: @Dendealimia

As diferentes plataformas e colectivos en Defensa dos Partidos Xudiciais ourensáns reuniranse o vindeiro xoves día 3 de xullo no local que ten a CIG no ourensán Parque de San Lázaro. A súa intención será analizar “a posibilidade de coordinación dos distintos colectivos e, mesmo, emprender as accións conxuntas que caiban en defensa dos servizos xudiciais comarcais. A idea de unir as distintas organizacións que traballan polo mantemento do Partido Xudicial , parte da coordinación das Plataformas limiá e verinesa, que tamén persegue a adhesión a esta xuntanza dos representantes doutras comarcas de Galicia.

“Chegou a hora de coordinar as nosas accións, de cara a que a reivindicación común que nos une adquira a repercusión mais ampla posíbel”, explicaba Anxo García Torres, representante das plataformas de Xinzo e Verín, principais impulsoras desta iniciativa que ten como obxecto que “aqueles que están a propor a desaparición dos partidos xudiciais constaten que a maioría da cidadanía estamos en contra”.

Manifestación na Limia

Ademais desta reunión de carácter provincial, a Plataforma en Defensa do Partido Xudicial de Xinzo de Limia tamén prepara unha marcha popular para o vindeiro 10 de xullo. A manifestación sairá da Praza Carlos Casares ás 20 horas para protestar pola reforma da lei da Administración de Xustiza, que aposta pola existencia de soamente catro sedes xudiciais en toda Galicia, unha por provincia.