Axendas apertadas as dos maiores de Vilar de Santos

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
Axendas apertadas as dos maiores de Vilar de Santos
O Concello prepara para eles varios obradoiros que comezarán este mes REDACCIÓN Os maiores de Vilar de Santos terán á súa disposición,...

O Concello prepara para eles varios obradoiros que comezarán este mes

REDACCIÓN

Os maiores de Vilar de Santos terán á súa disposición, a partir do día quince deste mes, toda unha serie de actividades dirixidas a contribuír ao seu benestar físico e emocional, e deseñadas a partir da colaboración entre o Concello e o Centro de Atención de Persoas Maiores do municipio.

Cada semana e puntualmente cada luns, martes, xoves e venres no Centro Social de Parada e no Multiusos da Casa do Concello, impartiranse obradoiros de ximnasia, memoria en movemento, biodanza, relaxación, masaxes, xogos ou psiocomotricidade acuática. Os obxectivos destes cursiños que se encadran dentro do proxecto “Saber envellecer: corpo san en mente sa”, serán os de previr a dependencia, fomentar a autonomía persoal e coidar da saúde. E serán as expertas do Centro de Maiores, que conforman un equipo interdisciplinar que conta con psicóloga, traballadora social, enfermeira, fisioterapeuta e xerocultora, as encargadas de dirixilos e impartilos. Ademais, para facilitar o acceso do meirande número de participantes posible a esta iniciativa, o órgano local fará funcionar o transporte municipal.

Este proxecto complementarase con outras actividades coma cursos, conferencias e tamén unha iniciativa piloto para a formación no tratamento dos residuos, a reciclaxe e o fomento da compostaxe. Así mesmo, o Telecentro de Concello ocuparase tódalas tardes de achegar aos maiores o uso das novas tecnoloxías.