Bande, Muíños e a Confederación Hidrográfica unen forzas para a recuperación de As Conchas

13-11-27-as-conchas-firma-convenio-muinos-bande
Bande, Muíños e a Confederación Hidrográfica unen forzas para a recuperación de As Conchas
Destinarase máis dun millón de euros para mellorar a calidade das augas e a reparación ambiental do encoro REDACCIÓN redac@dendealimia.com Os Concellos de...

Destinarase máis dun millón de euros para mellorar a calidade das augas e a reparación ambiental do encoro

REDACCIÓN

redac@dendealimia.com

Os Concellos de Bande e Muíños firmaron a semana pasada un convenio de colaboración coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil, co que se persegue a execución de obras de mellora da calidade das augas e a recuperación ambiental da presa de As Conchas. Preto de 1,1 millóns de euros é o orzamento que o Ministerio de Medio Ambiente destinará a estés traballos, cuxa fase previa xa comezara no primeiro semestre do ano pasado, cos estudos de caracterización e comportamento do encoro, encargados a diversas universidades.

O fin destas actuacións é segundo as propias fontes da Confederación Hidrográfica, "valorizar este espazo, compensando a falta de actividade de baño no encoro coa adaptación doutras zonas que poidan suplir esta carencia". Entre os obxectivos atópase recuperar o turismo xuvenil e familiar asociado a esta área, con actividades lúdicas, culturais e de saúde.

Máis en concreto, o que se pretende é colocar estruturas alveolares flotantes que actúen sobre a masa de auga co ánimo de mellorar as súas condicións de calidade. Así como a recuperación dos mananciais termais en Bande e o acondicionamento dunha zona de baño mediante estanques ou piscinas.

Os alcaldes deste dous concellos da Baixa Limia, José Antonio Armada e Plácido Álvarez foron os encargados, xunto ao presidente da CHMS Francisco Marín, de estampar as súas firmas no acordo que foi presentado nun acto presidido polo delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez e que contou así mesmo coa presenza do presidente da Deputación Provincial, Jose Manuel Baltar, do subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, do delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, e dos membros da Corporación municipal.

"O problema está 7 concellos Limia arriba"

Nos seus discursos, os rexedores de Bande e Muíños quixeron deixar claro que "o problema non está aquí, nos nosos municipios, senón 7 concellos Limia arriba". Plácido Álvarez foi o autor deste discurso ao que engadiu, dirixíndose non soamente ás administracións locais, senón tamén a empresarios, agricultores a ganadeiros, que "teñen que facer algo máis que estar escondidos e que o Limia sexa a cloaca das dúas comarcas". Acto seguido o seu homólogo banduense, suscribía, "dende a primeira á última palabra do alcalde de Muíños".