Bando a favor da mellora da atención sanitaria en Xinzo

centro de saúde
Bando a favor da mellora da atención sanitaria en Xinzo

A rexedora publica un bando para trasladar á poboación o acordo unánime da Corporación que reclama acabar coas carencias de medios e de persoal

A alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, vén de facer público un bando no que traslada a poboación os acordos tomados pola Corporación para mellorar a situación sanitaria que se vive no concello e demandar a implicación da cidadanía nesta loita. No último pleno, co apoio de todos os grupos, saíu adiante a moción presentada polo grupo de goberno para solicitar á Xunta de Galicia medidas que abarcan dende o incremento de máis especialistas ata a ampliación do centro de saúde. O que se pretende, en definitiva, é que se faga xustiza sanitaria coa vila e a súa comarca, envellecida e eminentemente rural.

Tal e como explica a alcaldesa no bando, “nas últimas semanas mantiven diferentes reunións cos responsables sanitarios do centro de saúde, primeiro para coñecer de primeira man as carencias e deficiencias que detectan a diario, pero tamén para reportarlle as demandas incluídas na moción”. Elvira Lama explica que á falta de persoal súmase a antigüidade do propio centro de saúde e a falta de espazo, “dúas circunstancias que están a empeorar de forma manifesta a atención sanitaria e cuxas consecuencias pagan directamente os veciños e veciñas”.

Por todo isto, cos votos de todos os membros da Corporación aprobáronse unha serie de puntos que se detallan a continuación e que a rexedora quere trasladar á cidadanía para que a loita que se emprende sexa tamén a de toda a veciñanza, que está sufrindo as consecuencias da precaria situación dos profesionais sanitarios e das instalacións do centro de saúde:

1. Instar á Xunta de Galicia a mellora das condicións de eventualidade para o conxunto de profesionais do Sergas que son contratados de maneira descontinua, procurando estabilizar ao maior número posible e cubrindo as ausencias para non sobrecargar os cupos dos sanitarios asignados ao Centro de Saúde de Xinzo de Limia.

2. Instar á Xunta de Galicia a facer unha reformulación real da Atención Primaria coa incorporación progresiva dun maior número de profesionais de especialidades, a maiores do eixo médico/a–enfermeiro/a, incluíndo a posibilidade de incorporar máis especialidades para atender a poboación envellecida do rural, como é o caso de Xinzo de Limia.

3.-Instar á Xunta de Galicia a repoñer a praza de enfermeira de pediatría unha por medico/a, como xa existía para atender a poboación infantil axeitadamente e contribuír a fixar poboación no noso concello.

4. Instar á Xunta de Galicia a reforma e ampliación do Centro de Saúde de Xinzo dotando das melloras necesarias acordes coas necesidades dos servizos que presta e da poboación envellecida á que atende. 6. Instar á Xunta de Galicia a ampliar a posibilidade de solicitude de probas diagnósticas por parte dos facultativos/as de Atención Primaria de Xinzo de Limia, desconxestionando as especialidades do CHUO.