Baño de vapor nas piscinas climatizadas de Xinzo

Concelleiro e alcaldesa comprobando o funcionamento da cabina de baño de vapor
Baño de vapor nas piscinas climatizadas de Xinzo

A piscina climatizada abre o baño de vapor despois da súa reforma, que se suma as melloras realizadas no complexo deportivo

Polos seus efectos positivos para tratar problemas de saúde como a bronquitis ou alerxias respiratorias é coñecido o baño de vapor. Tamén polos seus múltiples beneficios en beleza e benestar. A piscina climatizada de Xinzo de Limia ofrece aos seus veciños e veciñas este servizo. Trátase dunha instalación renovada despois das melloras levadas a cabo nos últimos meses. Tal e como se informou dende a Concellería de Deportes que dirixe Rafa Penabad, o baño de vapor xa loce nova imaxe despois das obras de acondicionamento realizadas e esta mellora súmase ás que se executaron nos últimos meses nas piscinas exteriores, ademais de nas pistas que completan o complexo deportivo.

Dende o Concello tamén se recorda que, trala súa reforma, poderán acceder á instalación todos os socios e abonados que o desexen. Ademais, o aforo será controlado.

A piscina climatizada de Xinzo de Limia forma parte dun complexo deportivo que se someteu a importantes actuacións nos últimos meses. Así, nos vasos exteriores que están dispoñibles nos meses de verán mellorouse a calidade da auga cun sistema de cloración automática e de control do PH que levaba anos sen empregarse. Tamén é destacable a adquisición dun robot de última xeración que xa se encargou o pasado verán da limpeza dos vasos para que o seu mantemento sexa máis sinxelo.

No que se refire as pistas de tenis e baloncesto, estas foron acondicionadas nos últimos meses e, co seu pintado, melloraron considerablemente a súa imaxe. Fomentar o deporte, sobre todo ao aire libre en tempos de pandemia, foi o obxectivo do Concello.