A biografía de Casares escrita por Antón Riveiro poderá adquirirse mañá con La Voz de Galicia

letras galegas
A biografía de Casares escrita por Antón Riveiro poderá adquirirse mañá con La Voz de Galicia

Antón Riveiro Coello relata na biografía "O neno que quería xogar co mundo" os principais episodios da vida do escritor homenaxeado polo Día das Letras.

La Voz presentou este luns na Real Academia Galega o volume que ofrecerá aos seus lectores mañá mércores 17 co gallo da celebración do Día das Letras. Trátase da biografía Carlos Casares. O neno que quería xogar co mundo, na que Antón Riveiro Coello relata os principais chanzos vitais do escritor homenaxeado neste 2017.

O libro poderá adquirirse este mércores co xornal por un prezo de 1,95 euros mais o cupón que figura impreso no lombo do diario.

Abriu o acto o presidente da Academia, Víctor F. Freixanes, quen subliñou a estreita relación que mantivo en vida Casares con La Voz, xornal da que foi colaborador e columnista diario os dez últimos anos da súa vida. O director do xornal, Xosé Luís Vilela, enmarcou ese vínculo no que tamén unen á Academia e o diario, e que se remonta mesmo a antes da fundación da institución académica. Vilela lembrou como Casares nunca fallaba na súa cita diaria cos lectores, conseguindo enviar os seus artigos dende os lugares máis afastados do planeta.

O acto contou tamén coa intervención de Carlos Núñez.

A seguir, o tamén xornalista e fillo do autor homenaxeado, Christian Casares, lembrou que o pai fora moitas cousas: "columnista, académico, editor... pero se algo foi por riba de todo, foi escritor", polo que vía lóxico que se lle rendese homenaxe cun libro. O autor da biografía, Antón Riveiro Coello, explicou que a encarga do libro tiña tamén unha fonda compoñente emocional, xa que Casares foi o editor dos seus libros en Galaxia, e ademais, o seu pai, foi mestre seu de cativo: "Don Paco aprendeume a ler, Carlos aprendeume a soñar, a que se podían construír mundos en galego, esa lingua que eu escoitaba en casa".

O acto contou tamén coa intervención de Carlos Núñez. O gaiteiro lembrou os faladoiros de Casares e Torrente Ballester, nos que unha vez participou, nunha conversa que derivou ás conexións con Irlanda e Escocia. O gaiteiro clausurou a presentación co Himno Galego.