O BNG denuncia unha trama organizada nas adxudicacións de obra pública en Xinzo

IMG_1517
O BNG denuncia unha trama organizada nas adxudicacións de obra pública en Xinzo
Segundo o partido nacionalista, o PP limiao tería deseñado “un modus operandi encamiñado a que certas empresas obteñan a execución...

Segundo o partido nacionalista, o PP limiao tería deseñado “un modus operandi encamiñado a que certas empresas obteñan a execución dos proxectos”

REDACCIÓN

redac@dendealimia.com

O grupo municipal do BNG en Xinzo de Limia ven de denunciar a existencia “dunha trama organizada” nas adxudicacións de obra pública do Concello. Segundo o partido nacionalista,  na trintena de concesións outorgadas polo grupo de goberno pode identificarse “un modus operandi concreto, definido es sistemático encamiñado a que empresas moi determinadas obteñan” os contratos. Para esta sección da oposición limiá esta forma de proceder constitúe un “prexuízo para o resto de empresas que poderían estar interesadas, ademais de para os veciños de Xinzo que non se ven beneficiados dos posibles aforros nos custos que unha concorrencia competitiva podería producir”, explican.

A renuncia do alcalde e da Xunta de Goberno

Desde esta formación política apuntan ao rexedor da vila, Antonio Pérez e a Xunta de Goberno local como máximos responsables do que consideran é “un xeito neglixente de xestionar os intereses municipais”. Así o BNG volve pedir de novo que a renuncia do alcalde e de todo o grupo municipal do PP. Ademais, avisan de que van continuar as súas averiguacións neste campo e non descartan “acudir á Fiscalía para que entre a investigar as irregularidades detectadas”.

Da análise que os membros do BNG fixeron dos contratos realizados no ámbito das obras públicas no que vai de lexislatura, despréndese segundo eles afirman que “a práctica totalidade das concesións foron realizadas mediante fórmulas legais que permiten adxudicar as obras sen concurso”. Uns procedementos que eles recoñecen coma unha forma “de escoller discrecionalmente as empresas que van optar a realizalas”. Da súa investigación tamén deduciron que “as empresas convidadas son sempre as mesmas e constátase na maioría dos casos relacións evidentes entre elas”.