O BNG solicita no Parlamento unha liña de axudas polos danos causados na Limia pola choiva

limia
O BNG solicita no Parlamento unha liña de axudas polos danos causados na Limia pola choiva

A deputada do BNG, Tereixa Paz, presentou unha proposición non de lei destinada a establecer unha liña de axudas para paliar os danos causados polas fortes choivas que caeron na Limia. A idea prosperou por unanimidade na comisión de Agricultura que se celebrou o venres no Parlamento de Galicia.

O texto que resultou da xuntanza recolle que a cámara galega insta á Xunta de Galicia a realizar unha avaliación da situación na Comarca derivada das precipitacións acumuladas durante a primavera do ano 2016. Neste documento faise referencia tamén ás perdas na actividade agraria sobre todo na produción de cereal e pataca.

O BNG incidiu na necesidade de que se constaten as explotacións existentes na zona afectada, o nivel de aseguramento das mesmas en canto ós cultivos afectados polas precipitacións, os danos producidos nos mesmos e que non están cubertos polas pólizas, e se estude a forma de establecer unha liña de axudas segundo a lexislación vixente.

Os nacionalistas súmanse á petición feita por ADEGAL de que o Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente reduzca a presión fiscal para os agricultores dos concellos afectados. Isto é , solicitar unha rebaixa dos Índices do Rendemento Neto no réxime de estimación obxectiva do IRPF para o periodo impositivo 2016, aplicables ás actividades agrarias que se comprobe que sufriran fortes descensos nos seus rendementos por estas causas extraordinarias.