Camilo o último guerrilleiro de Galicia nado en Sandiás protagonista dun documental

camilo
Camilo o último guerrilleiro de Galicia nado en Sandiás protagonista dun documental

Alumnos de Comunicación Audiovisual de A Coruña recollen a historia da guerrilla antifranquista en Galicia

Camilo de Dios, o último guerrilleiro, vive tranquilamente na súa casa de Sandiás pero tras unha mirada doce escóndese a loita contra o réxime franquista. Unha persoa que tivo que facerse forte polas circunstancias que lle tocou vivir. O seu pai fundou o Partido Comunista en Sandiás e tras acabar a Guerra Civil entregouse enfermo e faleceu ós poucos anos. Seu irmán Perfecto foi abatido pola Garda Civil nun tiroteo en Ávila cando fuxía cara Francia. Súa nai foi apresada e condenada a 13 anos de cárece. El, o propio Camilo, foi torturado e pasou media vida en prisión.

Agora Alba Sánchez Botana, Juan Sebastián Pirola Lorenzo, Miguel García Valdeón e Pedro Iglesias Fernández, estudantes do 4º curso do Grao de Comunicación Audiovisual da Universidade da Coruña, recollen a historia de Camilo nun documental que verá a luz no mes de outubro.

"Supón un intento de chegar á mocidade e de rematar co baleiro no ensino sobre a ditadura franquista e as persoas represaliadas por ela", declararon os seus creadores a un medio de comunicación. camilo2

Tras un ano de traballo finalizaban a rodaxe o pasado 20 de agosto en Sandiás nun acto que irmanda a este concello coa vila de Chaherrero, en Ávila, onde morreu o irmán de Camilo. Perfecto de Dios foi excutado en 1950 con tan só 19 anos e foi sepultado nunha fosa común.

O pasado ano voluntarios da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica localizaron o corpo do irmán do último guerrilleiro e Camilo puido cumprir o seu soño de recuperar os restos de Perfecto. Estes traballos foron posibles pola axuda económica que veu da man dun sindicato noruego de electricistas e pola colaboración desinteresada dun forense do Instituto Médico Legal de Portugal e o Equipo Arxentino de Antropoloxía Forense.

Antes a asociación recibía unha subvención do Ministerio de Presidencia pero coa chegada do Partido Popular ó Goberno no 2011 as axudas remataron.

Este mércores sae o trailer do documental que poderá verse de balde na web www.oultimoguerrilleiro.com. A xente coñecerá a historia dun home que sobreviviu á fame, á miseria e ós golpes que padeceu nos dez anos que pasou no cárcere. Coñecerán a Camilo, un loitador contra o réximo franquista que pasou seis décadas sen saber onde se atopaba o corpo de seu irmán asasinado a mans da Garda Civil.