O Campus de Ourense chega a Xinzo e Muíños grazas aos cursos de extensión universitaria

1A Cursos de Vern 2014
O Campus de Ourense chega a Xinzo e Muíños grazas aos cursos de extensión universitaria
Xunto con Celanova e a propia capital impartiranse 13 actividades formativas a 669 persoas REDACCIÓN redac@dendealimia.com Twitter: @Dendealimia Co verán, a universidade descentralízase e...

Xunto con Celanova e a propia capital impartiranse 13 actividades formativas a 669 persoas

REDACCIÓN

redac@dendealimia.com

Twitter: @Dendealimia

Co verán, a universidade descentralízase e chegará a Xinzo, Muíños e Celanova. Estes concellos serán a sede de ata 13 cursos de extensión universitaria  nos que poderán participar ata 669 alumnos, tanto da comunidade universitaria como da sociedade en xeral. Estas actividades están organizadas polo Campus de Ourense e financiadas pola Deputación no marco do convenio de colaboración que anualmente asina a institución provincial coa Universidade de Vigo.

Os cursos abordan temáticas dos ámbitos científico-tecnolóxico, humanidades, novas tecnoloxías, económico-empresarial, social, medio ambiente, tecnoloxía de alimentos, patrimonio e técnicas docentes. Este programa presentábase o pasado luns no Pazo provincial coa presenza do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, e do vicerreitor do Campus de Ourense, Virxilio Rodríguez. Fernández destacou que os cursos de extensión universitaria “son unha maneira de achegar máis a universidade á sociedade, tanto no que atinxe ao aspecto xeográfico como formativo, con propostas actuais e de interese para a cidadanía”.O vicerreitor subliñou que os cursos están orientados cara unha docencia eminentemente práctica, que se realiza nos laboratorios das diferentes facultades e que tamén se achega a Celanova, Muíños e Xinzo de Limia para estender a formación máis aló da capital.

A matrícula está aberta dende o 15 de maio. A maioría dos cursos teñen unha media de 30 horas de docencia e un custe de 30 euros, cunha redución para membros da comunidade universitaria e para bolseiros. Os cursos, que este ano se incrementan en dous máis con respecto a 2013, desenvolveranse entre os meses de xuño e outubro.