“Carmen está recuperada totalmente, por sorte só ten algunhas mazaduras”

IMG_2186
“Carmen está recuperada totalmente, por sorte só ten algunhas mazaduras”
Contóunolo Ricardo Cabezas, o dono da gasolineira onde traballa a muller que foi atracada e atropelada en Xinzo REDACCIÓN redac@dendealimia.com Twitter:@Dendealimia Todo transcorría con...

Contóunolo Ricardo Cabezas, o dono da gasolineira onde traballa a muller que foi atracada e atropelada en Xinzo

REDACCIÓN

redac@dendealimia.com

Twitter:@Dendealimia

Todo transcorría con normalidade no día de Carmen. Cando faltaban uns minutiños para as once recollía a recadación da gasolineira Villasana na que traballa, uns 12.000 euros, e subía ao seu coche. Ata que á altura do número 50 da Avenida de Ourense, un semáforo móstralle a luz vermella, e aí a súa mañá cambia.

Carmen detense, e de repente, unha furgoneta alcánzaa por detrás, despois descubrirá que intencionadamente. Pero polo momento, a empregada da gasolineira abandona o coche para ver “se foi moito”. E cando quere darse conta, un dos homes que viaxaba na furgoneta baixa tamén e arrebátalle o bolso. Carmen, recordando a grande cantidade de diñeiro que leva nese momento no bolso intenta recuperalo, e os seus atracadores danse á fuga levándoa por diante.

Ricardo Cabezas é o xefe de Carmen, e por tanto o propietario da gasolineira Villasana. Puidemos falar con el cando se encontraba xa en León, onde reside habitualmente. Pero antes de marchar, xa se interesara polo estado de saúde da súa empregada que fora trasladada tralo incidente ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense. “Está recuperada totalmente, aínda que lle quedan aínda algunhas mazaduras”, explicounos Ricardo ao fío das sete e media da tarde. Xusto á mesma hora á que a policía xudicial e operarios da empresa que leva o mantemento das cámaras de seguridade revisaban as gravacións para obter algunha pista, que lles poida axudar a identificar aos autores dos feitos.

Polo momento, soamente apareceu a furgoneta coa que perpetraron o roubo e posterior atropelo a Carmen. Un vehículo con matrícula portuguesa que foi roubado en Montealegre, e que foi abandonado nunha pista que une as localidades limiás de Cortegada e Casasoa.