Case 1200 pequenos regresan as aulas nas dúas comarcas limiás

Case 1200 pequenos regresan as aulas nas dúas comarcas limiás
Lapis e cadernos en ristre para afrontar o primeiro día da volta ao cole REDACCIÓN Case 1200 pequenos regresaron hoxe ás aulas...

Lapis e cadernos en ristre para afrontar o primeiro día da volta ao cole

REDACCIÓN

Case 1200 pequenos regresaron hoxe ás aulas de Educación Infantil e Primaria nas comarcas da Limia e a Baixa Limia. En concreto 1196 rapaces, 1009 pequenos procedentes dos concellos da parte alta do río e 187 do sur. Un día duro por ter que madrugar e volver á rutina, pero á vez iluminado pola ilusión de volver ver a compañeiros e profesores.

Coas mochilas novas cheas de nervios e deixando unha grande sensación de liberación nos corpos de moitos pais, os pequenos limiaos retomaban as clases esta mañá despois dunhas merecidas vacacións, que a máis de un se lle fixeron curtas.

O olor a libro novo e as gomas e ceras aínda por estrear, ben colocadiñas de momento nas súas caixas, dan a benvida ao curso un ano máis. Un curso que comezou “ sen ningunha incidencia, cumpríndose deste xeito o obxectivo da Xunta de iniciar a volta as clases con total normalidade”, en palabras esta mañá do conselleiro de Educación, Xesús Vázquez Abad. O conselleiro quixo facer fincapé tamén en que “este éxito débese ao intenso traballo realizado durante os meses de verán de reformas nas escolas e posta a punto das aulas, ademais da inestimable labor dos docentes”.

Quixemos falar cunha das profesoras de Educación Infantil do CEIP Carlos Casares de Xinzo de Limia, que nos contou que os alumnos máis pequenos, os de tres anos, tiveron hoxe soamente “unha pequena reunión para coñecer a escola, as normas e por suposto ás mestras”. A partir de mañá “comeza o período de adaptación” ata que os cativos se fagan totalmente coa nova rutina. Os demais escolares mostraron segundo nos contou a docente “os nervios do primeiro día de cole, caras de sono e algunha lagrimiña do que se resiste a deixar pasar a boa vida do verán”.

Ca reincorporación dos nenos chega tamén de novo o funcionamento dos servizos de transporte e comedor xestionados dende a Consellería, onde aseguran que “ámbolos dous foron adaptados un ano máis ás necesidades existentes entre os alumnos e alumnas”.