O programa de atención urxente a persoas en situación de risco ou exclusión social está dirixido a familias con ingresos insuficientes
REDACCIÓN
Twitter: @Dendealimia
O Centro de Desenvolvemento Rural O Viso busca axudar a todas aquelas familias limiás que o están pasando mal. Especialmente, aquelas que debido a que non teñen ingresos suficientes, están sumidas nunha situación de emerxencia, son as principais destinatarias do programa de atención urxente a persoas en situación de risco ou exclusión social. Unha iniciativa que contou para a súa implementación coa participación de distintos axentes sociais locais, coma o Concello, o equipo comarcal de inclusión social, Cáritas ou Cruz Vermella.
O programa ten dúas vertentes. A primeira, de carácter máis asistencial, na que se contempla por exemplo, un servizo de reparto de alimentos, un de hixiene e pequenas curas, ou outro de lavandería. E unha liña que se centrará na sensibilización cidadá acerca da importancia da solidariedade veciñal para atallar certas situacións de emerxencia. Unhas situacións que como nos recordan desde o CDR O Viso, adoitan ser transitorias e pódenos afectar a calquera. Por iso piden a colaboración do resto da cidadanía ben sexa como voluntarios, coa doazón de produtos ou mediante o troco de bens ou servizos.
Ao fin, con este proxecto promovido pola Confederación de Centros de Desenvolvemento Rural (COCEDER) e financiado polo Ministerio de Sanidade, o que se pretende é contribuír á mellora da calidade de vida da poboación limiá inmersa nunha situación de emerxencia e, á súa vez, acompañala durante o seu proceso de inserción social e laboral.
Tódalas persoas que precisen desta axuda poden pedir cita por correo electrónico á dirección: [email protected]; por teléfono no 988461571, ou acudir á oficina situada na Praza Maior, 1 1º (Xinzo de Limia) de luns a venres de 10:00h a 14:00h e de 16:30h a 18:30h.