O CEIP de Lobios recibe o premio “Debuxa o teu cole”

bolechas__large
O CEIP de Lobios recibe o premio “Debuxa o teu cole”
O centro recibiu un cheque de 3000 euros grazas a este concurso organizado por Novagalicia Banco e Os Bolechas  REDACCIÓN redac@dendealimia.com A competencia...

O centro recibiu un cheque de 3000 euros grazas a este concurso organizado por Novagalicia Banco e Os Bolechas

 REDACCIÓN

redac@dendealimia.com

A competencia era dura. Seiscentos coles disputábanse a vitoria neste concurso organizado por Novagalicia Banco e Os Bolechas. Pero finalmente, o premio recaeu nos 61 pequenos e pequenas do CEIP do Xurés, no Concello de Lobios.

Nun acto celebrado o pasado venres, o Conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, acompañado da directora de Márketing de Novagalicia, Paz Comesaña entregáballe a Rosa María Rodríguez, a directora do centro, o galardón “Debuxa o teu cole”. E despois da entrega chegou a festa. Estes alumnos da Baixa Limia puideron gozar dunha xornada de actividades de festa de Os Bolechas, que contou cun obradoiro con Pepe Carreiro, autor dos cinco personaxes desta popular serie de literatura infantil. Posteriormente proxectouse un vídeo cunha aventura de Os Bolechas e ademais as nenas e nenos do CEIP do Xurés puideron realizar actividades coma xogos didácticos, karaoke e biblioteca.

Na súa intervención o responsable autonómico de Educación quixo felicitar ao cole premiado: “Parabéns polo esforzo realizado, por contarnos a todos, da man dos Bolechas e a través das imaxes deseñadas polos nenos e nenas, o importante que é a escola para o correcto desenvolvemento da infancia, o encomiable labor que desenvolven os mestres e o valor de que a casa e o colexio camiñen da man na educación dos cativos e cativas. Entre os Bolechas e vós, se seguides traballando e implicándovos en iniciativas coma esta, moitas cousas podedes facer para mellorar o noso contorno, para desenvolver as nosas potencialidades e para corrixir os nosos erros”. Vázquez Abad tamén engadiu os seus parabéns e agradecementos para Novagalicia Banco e Edicións Bolanda, os creadores de Os Bolechas, “pola súa aposta polos nenos e nenas da nosa Comunidade, para os que se convocou este concurso”.