"O Clan foi a unión"

la foto
"O Clan foi a unión"
Entrevistamos a Justo Freiría, o batería de Habitación Vudú, antes do seu concerto en Xinzo despois de dous anos lonxe...

Entrevistamos a Justo Freiría, o batería de Habitación Vudú, antes do seu concerto en Xinzo despois de dous anos lonxe dos escenarios

MARÍA FERNÁNDEZ ROMERO

maria@dendealimia.com

Twitter: @MariaFdezRomero

Tras dous anos afastados dos escenarios, os rapaces de Habitación Vudú regresarán esta noite á música en directo nun local moi especial para eles, a Sala Clan de Xinzo. Foi nesta mesma sala onde hai uns anos tiña o seu xerme esta banda que mestura algo de pop-rock con indie, dando lugar a algo que eles mesmos definen como “moi raro”, pero que ten como grupos de referencia a Deluxe, Vestusta Morla ou Kings of Leon.

“O Clan foi a unión” deste grupo de limiaos, pois os tres compoñentes orixinais que aínda permanecen na banda, comezaron o proxecto cando traballaban nesta sala. Eles son os irmáns Justo e José Freiría, e Rubén Seoane. Así á batería de Justo, á voz e guitarra de José e ao baixo de Rubén pasaría a unirse algo máis tarde David Martínez, que é quen se encarga dos teclados e bases.

Para estes mozos que se reúnen periodicamente no seu local de Escornabois en Trasmiras para ensaiar e compoñer, a música é polo momento “unha afección, unha escapatoria”. “Cada un, temos o noso traballo, excepto José que se dedica profesionalmente á música, por medio da súa produtora, Escena Sonora”, contábanos Justo. “Agora, que se algún día nos soara a frauta, e puidésemos dedicarnos a isto sería fantástico”, recoñecía entre risas o batería, pero o certo é que de momento se fan música é para pasalo ben.

Dous anos estivo Habitación Vudú sen actuar en directo, máis ou menos desde as festas de Xinzo de 2012. Ganas a rabiar e boas expectativas enchen os corazóns destes limiaos, aínda que recoñecen que ao tocar na casa,  “sempre vai un con outra responsabilidade, co medo a fallar e esas cousiñas todas”.

Habitación Vudú interpretará esta noite, desde as doce, sete temas propios e dúas versións. Acompañaranos os portugueses de Bueno.sair.es directos desde Penafiel co seu pop electrónico sen guitarras e DJ I.D.M. Se queredes saber un segredo DJ I.D.M. é David Martínez, o teclado de Habitación Vudú. O caso é que a festa estará asegurada ata ven entrada a madrugada.

A meirande parte das cancións do repertorio de Habitación Vudú son temas compostos por eles mesmos. Justo explicábanos que é “un proceso complicado”. “Chegamos cunha idea ao local e a forza de tocar, ás veces cambia tanto que non ten nada que ver a como empezou”, así definía o sistema este compoñente da formación que tamén nos confesou que “ás veces hai temas que che saen en dous días e outros que necesitas meses para rematalos”.

Así que xa sabedes, esta media noite tedes unha cita na Clan con Habitación Vudú, non o esquezades. Para ir abrindo boca e animando este día gris, podedes escoitar algún tema destes mozos premendo aquí.