Os comerciantes do Multicentro de Xinzo cansos dos destrozos provocados por un grupo de rapaces

multicentro
Os comerciantes do Multicentro de Xinzo cansos dos destrozos provocados por un grupo de rapaces

Cada luns atopan lixo nas instalacións

O luns a primeira hora cando se abre o Multicentro, os comerciantes atopan restos de botellón e mesmo preservativos nos baños públicos. Levan máis dun ano aguantando esta situación e xa non poden máis. Os responsables destes feitos parecen ser un grupo de rapaces que teñen acceso a un local do Multicentro e que cada fin de semana o usan como un salón privado. Os comerciantes apuntan que antes deles, había outro grupo de mozos que usaban un dos locais na fin de semana pero non causaban problemas. A eles sinaláronos como culpables e expulsáronos ó tempo que cambiaron as fechaduras. Agora ese grupo de xente non acude ó centro pero os problemas continúan por eso se pensa que é outro grupo de rapaces os que fan uso das instalacións.

O feito é que cada luns hai restos de botellón e lixo polo centro. Onde máis se acumula é nos baños, antes estaban pechados pero agora permanecen abertos e calquera ten acceso a eles. Os propietarios dos comercios califican a situación de "vergoña" e están cansos de ter que pagar cos seus cartos os desperdicios causados.

Outra situación que queren denunciar é o feito de que os máis cativos usen a planta baixa para xogar ó fútbol sobre todo cando chove. Os comerciantes sinalan que usan as instalacións como un parque e a miúdo reciben pelotazos no cristal dos seus escaparates. Apuntan ademais o risco que corren os clientes de recibir un golpe coa pelota.

Os donos dos establecementos do multicentro de Xinzo están fartos e queren facer publica a súa denuncia para que a situación se amañe canto antes.