O comercio local, viviño e coleando

O comercio local, viviño e coleando
Os limiaos bateron o récord de participación na campaña “As compras na túa vila teñen premio” con 17.600 boletos REDACCIÓN A sexta...

Os limiaos bateron o récord de participación na campaña “As compras na túa vila teñen premio” con 17.600 boletos

REDACCIÓN

A sexta edición da campaña “As compras na túa vila teñen premio”, organizada pola Federación Galega de Comercio, clausurábase onte  en Xinzo de Limia, batendo récords de participación. 17.600 boletos entraron no sorteo que puxo onte punto e final a dez días de compras. 17.600 tíckets de compra no pequeno comercio local limiao, que demostraron o grande apoio da poboación a este colectivo, que demostrou estar máis vivo ca nunca.

Nun acto multitudinario na Praza Maior de Xinzo, o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, xunto aos máximos representantes deste gremio en Xinzo e a provincia, José Antonio Casal e Aurelio Gómez, levouse a cabo o sorteo final no que se entregaron 16 tarxetas valoradas nun total de 2.000 euros a cambiar nos diferentes establecementos de Xinzo. Estiveron tamén presentes o rexedor da vila, Antonio Pérez así como Sol Vázquez, Directora Xeral de Comercio da Xunta de Galicia. Antes de descubrir cales eran os boletos premiados, Aurelio Gómez, presidente da Federación Ourensá de Comercio, deixou patente que o éxito desta campaña demostra “o potencial do comercio de Xinzo de Limia”, declaracións que redondeaba o alcalde ao afirmar que se trata da “proba máis clara de que o comercio da vila está vivo”.

Coa axuda das mans inocentes de Angélica e José María, dous pequenos que actuaron de axudantes de excepción para a ocasión, os veciños alí reunidos foron descubrindo a quen pertencían os tíckets premiados. Máis dunha quincena de limiaos regresaron ás súas casas cun cheque regalo debaixo do brazo, tres de 200 euros e outros 14 de 100 euros. Eles, xunto co resto de veciños realizaron máis de 17.000 transaccións comerciais en apenas dez días no pequeno comercio local, entregando os tíckets para formar parte do sorteo final, dando así boa mostra de que os negocios gozan de moi boa saúde.