Comezan os cursos na Limia de obtención do carné para uso de fitosanitarios

fito
Comezan os cursos na Limia de obtención do carné para uso de fitosanitarios

Mentres a Garda Civil investiga os títulos obtidos en León que son máis baratos e sinxelos

O pasado 26 de novembro saiu á luz unha nova normativa que prohibe a venda de produtos fitosanitarios a aquelas persoas que non dispoñan do carné oficial de aplicador dos mesmos.

Sucedeu que algúns gandeiros e agricultores acudiron a Castela León para obter o título por ser máis doado e económico. Agora a Garda Civil está investigando os feitos pois estes permisos poderían quedar invalidados.

O carné é de obtención obrigada para aquelas persoas cuxa actividade profesional estea relacionada co uso destes compostos químicos. Así mesmo a norma distingue tres niveis. O básico diríxese a agricultores, o cualificado a quenes venden estes produtos e o de fumigador para os que manexen produtos moi tóxicos ou mortais.

O modo de obter este permiso é acudir a un curso de 25 horas no cal se explican as nocións básicas sobre a composición dos fitosanitarios e a súa correcta aplicación, almacenaxe e destrución. Ó remate deberán pasar unha proba oficial da Consellería do Medio Rural. Si se supera obterase o carné que ten unha vixencia de 10 anos. A maquinaria usada para aplicar estes químicos deberá pasar unha revisión cada 3 ou 5 anos.

Os gandeiros e agricultores da Limia xa poden anotarse ós cursos que darán comezo en abril e prolongaranse ata xuño. Para anotarse ó de "aplicador-manipulador de produtos básicos fitosanitarios de nivel básico" deberán acudir á Oficina Comarcal de Xinzo.

No caso de quere anotarse ó "curso ponte de usuario profesional de produtos fitosanitarios de nivel cualificado" poden porse en contacto co Servizo de Explotacións Agrarias de Ourense.

Se estes produtos se van usar para pequenas hortas ou colleitas de autoconsumo, non será preciso obter o carné.

En calquera caso os sindicatos agrarios recomendan que se solicite información para evitar as sancións por non dispor do carné que autoriza o uso de fitosanitarios.