miércoles 22/9/21

O Concello aprobará un cambio urbanístico para facilitar a construción de vivendas no rural e a expansión dos núcleos

A proposta conta co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e co acordo da Xunta de Goberno Local

pleno
Pleno Xinzo (Foto arquivo)

No pleno de mañá prevese aprobar definitivamente o estudo de detalle para cambiar as aliñacións nunha área de Ganade, tal e como antes se fixera tamén en Morgade e Baronzás.

Flexibilizar a norma urbanística, axustándoa ás demandas dos veciños,  para favorecer a construción de vivendas unifamiliares no rural e a expansión dos núcleo. Este é o obxectivo do executivo local de Xinzo de Limia, que prevé aprobar no pleno de mañá a modificación das aliñacións nunha área delimitada no solo de núcleo rural de extensión de Ganade, tal e como previamente fixera en Morgade e Baronzás. A medida conta co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio e co acordo previo da Xunta de Goberno Local.

Ganade

Mediante a aprobación definitiva na sesión plenaria do estudo de detalle, preténdese exclusivamente a modificación das aliñacións establecidas na ordenanza 13 do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Xinzo para o Solo de Núcleo Rural de extensión, quedando extinguida a suspensión de licenzas. Máis en concreto, suprímese a aliñación oficial fixada de 3 metros da liña de cerramento na fronte da parcela e establécese un recuamento mínimo de 3 metros respecto da liña de cerramento. Ademais, suprímese o fondo máximo edificable establecido en 14 metros, que non tería sentido por tratarse dunha tipoloxía edificatoria de vivenda familiar onde non se persegue a uniformidade. Manteranse os recuamentos esixibles a lindes laterais e posterior (3 metros) e non se modifican os parámetros xa establecidos de ocupación (25 %) e de edificabilidade.

Cómpre destacar que a proposta chegou á Xunta de Goberno Local despois do informe favorable emitido polo técnico municipal e no que se conclúe que o área do estudo de detalle non ten afección sectoriais e que o estudo de detalle considérase suficiente e compatible coa normativa urbanística en vigor, e tras a recepción da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

O Concello aprobará un cambio urbanístico para facilitar a construción de vivendas no...