O Concello proxecta a rehabilitación do edificio multiusos das piscinas para dotalo dunha cafetería e unha zona de aloxamento

infografía
O Concello proxecta a rehabilitación do edificio multiusos das piscinas para dotalo dunha cafetería e unha zona de aloxamento
O inmoble, construído no ano 2006 e deteriorado pola falta de uso, ten unha cuberta que non está impermeabilizada e favorece a entrada da auga nas instalacións

Un edificio con moitas posibilidades e emprazado nun entorno privilexiado que se encontra deteriorado pola falta de uso. Así podería definirse o inmoble multiusos do complexo deportivo de Xinzo. Emprázase, máis en concreto, ao carón das piscinas exteriores, que acaban de abrir as súas portas ao público cunha imaxe mellorada pero que coa rehabilitación destas instalacións gañaría moitos máis servizos. O Concello proxecta a rehabilitación do edificio para dotalo dunha cafetería e unha zona de aloxamento temporal para diversos colectivos que visiten a vila, tales como os campamentos infantís, equipos deportivos ou brigadas antincendios.

Cómpre recordar que ao longo da rúa Dous de Maio, emprázanse unha serie de equipamentos deportivos que supoñen un foco de atracción para todo o concello, como pode ser o pavillón polideportivo, a piscina climatizada e o complexo das piscinas municipais. Este complexo deportivo ocupa unha posición privilexiada en Xinzo, á beira do río Limia e conectada co paseo fluvial.