O Concello de Xinzo e a Deputación comezan a preparar o vindeiro curso escolar do Conservatorio

conservatorio m
O Concello de Xinzo e a Deputación comezan a preparar o vindeiro curso escolar do Conservatorio

Trátase de evitar problemas como o dos alumnos que quedaron sen formación na etapa 2015/2016

O concelleiro de Educación de Xinzo tivo unha xuntanza co asesor de Cultura da Deputación, Aurelio Gómez. Sobre a mesa expuxeron as primeiras pinceladas para por en marcha a planificación do curso 2016/2017 no Conservatorio Profesional de Xinzo. Luis Miguel Gil non quere que se repitan os problemas ós que tiveron que facer fronte neste ano e que provocaron que un número de alumnos quedara sen formación.

O edil acudiu á reunión coas ideas claras, antes de que se celebren as probas de acceso ó grado profesional no mes de abril, Verín e Allariz deben amosar a súa intención de colaborar na xestión do Conservatorio. De non ser así, Luis Miguel sinala que pechará as probas para a xente de Xinzo.

Esta decisión ten relación co feito de que o Concello non pode contratar a máis profesorado debido ó plan de axuste, por iso lles pide compromiso e apoio a dous dos concellos máis grandes que teñen alumando no Conservatorio de Xinzo. "Si fago unha convocatoria aberta logo teño que garantir que eses alumnos que a superen van recibir as súas clases, pido que se mollen os demáis concellos porque non van quedar os nenos e nenas de Xinzo fóra cando a xente do pobo cos seus impostos están mantendo as instalacións", apunta o concelleiro de Educación.

Así as cousas Luis Miguel amósase seguro de que coa axuda da Deputación poderán sacar adiante o novo curso escolar sen incidencias. Esta primeira toma de contacto ten como fin ir preparando o novo curso e solventar con tempo tódalas dificultades que poidan xurdir, "o que quero é saber en xullo cantos alumnos se matricularon e canto profesorado imos precisar, entre eles o profesor de acordeón que si ou si imos contar con el", apunta o edil.

No referente á Escola de Música que sufragou a Deputación como último recurso ante a gran cantidade de alumnado que quedaba sen formación, Luis Miguel sinala que só funcionará por este ano. O concelleiro agradece a solución tomada polo ente provincial pero apunta que o vindeiro curso as clases vanse impartir no Conservatorio Profesional de Música.