O Concello de Xinzo leva invertido en obras case cinco millóns de euros desde 2012

Museo Galego do Entroido
O Concello de Xinzo leva invertido en obras case cinco millóns de euros desde 2012
A esta cifra hai que sumarlle máis de 1.700.000 dos oito proxectos que quedan por executar REDACCIÓN redac@dendealimia.com Twitter: @Dendealimia Vinte e oito actuacións...

A esta cifra hai que sumarlle máis de 1.700.000 dos oito proxectos que quedan por executar

REDACCIÓN

redac@dendealimia.com

Twitter: @Dendealimia

Vinte e oito actuacións son as que leva realizadas o Concello de Xinzo de Limia en concepto de obras desde 2012. Polo momento, gastáronse case cinco millóns de euros, máis concretamente 4.959.919, invertidos nas infraestruturas e instalacións municipais, alumeado e suministros. A obra máis ambiciosa ata o momento foi a acometida na Avenida de Portugal, que supuxo unha ampliación da estrada, as pontes e a creación de zonas axardinadas cuxo orzamento elevouse ata os 2.700.000 euros. Encádrase aquí tamén os traballos no Museo Galego do Entroido, promesa electoral da corporación popular que levou das arcas públicas 375.000 euros. Obras faraónicas de centos de miles de euros, e outras máis modestas coma a rotonda do parque do Toural e melloras no edificio das piscinas municipais que non superan entre as dúas os 2.500 euros.

Algunhas das melloras realizadas nas instalacións municipais en concreto as levadas a cabo nas piscinas coa súa  adaptación para o uso de enerxías renovables coma a solar térmica e a biomasa, tiñan como obxectivo o aforro. Así estas inversións, que superaban cada unha delas os 100.000 euros, permitirán diminuír os gastos no consumo en máis do 60%. Outras das tarefas realizadas abarcan melloras, reparacións e limpezas nas beirarrúas, os centros sociais do Concello ou os ríos Limia e Nocelo.

Máis obras por valor de 1.700.000 euros

Pero a cousa non acaba aquí, para o que queda de lexislatura a corporación municipal ten preparadas outras oito actuacións destinadas a lavar a cara do Concello. O máis caro destes proxectos pendentes de execución será a ampliación da ponte, e a construción dunha pasarela sobre o Limia que lles custará aos contribuíntes 833.000 euros. A seguridade viaria será tamén outra das áreas de inversión que se materializará na circunvalación desde a N-525 e a rotonda da estrada Bande- Blancos. Ademais os veciños das rúas Xabier Prado Lameiro e Curros Enríquez verán mudar a súa aparencia con reformas que roldarán os 110.000 euros.