O Concello de Xinzo presenta á Xunta o proxecto dunha nova residencia de maiores
Tería 58 prazas e situaríase na urbanización A Devesa
O Concello de Xinzo que preside Elvira Lama acaba de enviar á Xunta de Galicia o proxecto dunha nova residencia de maiores na capital limiana. A edificación, que incluiría un baixo e dúas plantas, con cuartos dobres e individuais, está pensada para 58 prazas. O piso de abaixo albergaría a administración, os despachos e salas comúns, mentres que a parte superior acollería dormitorios e outros espazos. O Consistorio estima un custo duns tres millóns de euros para o proxecto e a creación dunha trintena de postos de traballo.
A alcaldesa lembrou que a Federación Galega de Municipios e Provincias asinou un acordo co Consorcio Galego de Igualdade e Benestar –entidade responsable das residencias– para que os concellos poidan optar aos fondos de axuda provenientes do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. A rexedora reitera a necesidade de contar con máis prazas para maiores, xa que en Xinzo hai 2.370 persoas que superan os 65 anos. Ante a falta de servizos específicos para esa franxa de idade, moitas persoas teñen que buscar praza noutras zonas de Ourense e mesmo fóra da provincia. Para o proxecto se podería optar a un financiamento externo inicial de 1,2 millóns de euros. O investimento completaríase con fondos doutras administracións e propios.
O goberno local, xunto á memoria do proxecto remitida á Xunta de Galicia, achegou tamén a certificación catastral da titularidade municipal do terreo no que se situaría a futura residencia, na urbanización A Devesa, que estaría acondicionada con todos os servizos adaptados a mobilidade reducida e seguindo os protocolos Covid.